O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou sobre a nova orde de axudas por 3,9 millóns de euros para “promover o comercio local de proximidade e tamén a cada vez máis puxante artesanía galega” unificando nunha única convocatoria os apoios para impulsar “a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade” do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos.
Así, unifícanse por primeira vez estas tres liñas, o que permite avanzar na simplificación administrativa e na axilización das tramitacións. Con isto, preténdese favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas.
A través de tres tipos diferentes de axudas, que explicou o presidente da Xunta de Galicia que son “compatibles entre si”. O obxectivo é apoiar o sector para que se poida adaptar á nova realidade e ás tendencias de consumo a través da introdución de tecnoloxías que lle permitan conectar coas necesidades do cliente, mellorar a imaxe e os equipamentos dos establecementos para consolidar un comercio de proximidade moderno e atractivo. Ademais de avanzar no compromiso ambiental e na eficiencia de recursos a través do emprego de bolsas e materiais de embalaxe con baixa pegada de carbono, eliminando materiais plásticos e axeitando o tamaño á dimensión dos produtos.
No ano 2024, a través da convocatoria de axudas para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal, beneficiáronse un total de 402 entidades (330 comerciantes retallistas e 72 obradoiros artesáns) por importe de máis de 2 millóns de euros. A eles sumouse o balance da convocatoria de axudas do programa Comercio Circular, agora integrada nesta orde para maior simplificación, das cales se outorgaron un total de 303 axudas entre comerciantes retallistas, obradoiros artesáns e centros comerciais abertos, por un importe total de máis de 620.000 euros.
Liñas de apoios
Unha das principais novidades da orde, que se publicará o vindeiro 14 de febreiro no DOG cun prazo dun mes para presentar as solicitudes, é a aposta pola reorganización e sintetización das actuacións subvencionables. Co obxectivo de que a tramitación sexa o máis práctica e doada posible. Ademais, increméntase a intensidade das axudas ata o 80%.
A primeira das liñas de apoio previstas, de dixitalización e innovación comercial, inclúe actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. A contía máxima de axudas neste punto é de 35.000 euros.
No caso da segunda liña, “busca a modernización do comercio desde o punto de vista das súas infraestruturas”, tal e como apuntou Alfonso Rueda. Cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar, custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética. Tamén prevé a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.
Por último, na terceira liña destinada a “favorecer sustentabilidade ambiental”, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cánabo 100 %. Neste caso, o investimento máximo subvencionable é de 2.500 euros e a axuda máxima outorgada será de 2.000 euros.
Plan estratéxico de comercio
Esta orde de axudas, enmárcase no conxunto de medidas de impulso ao comercio promovidas pola Xunta de Galicia. Estas medidas son implementadas cun investimento á alza para seguir potenciando un sector clave na xeración de emprego e na dinamización das economías locais. Neste marco, o Goberno galego ultima o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que estará rematado neste primeiro trimestre. No que incluirá unha batería de ferramentas para afrontar os retos deste eido produtivo, tras un proceso participativo e de escoita activa.
Co obxectivo de potenciar todas estas actuacións, financiadas exclusivamente con fondos propios con máis de 10,4 M€ en 2024, o Executivo autonómico reitera a necesidade de sumar esforzos entre administracións. Petición que xa demandou nunha recente reunión coa secretaria de Estado de Comercio e na que reclamou que Galicia poida acceder a recursos Next Generation que o Goberno central reservou e que non está a executar.
Este cofinanciamento permitiría reforzar medidas como o proxecto Vilas Vivas ou a transformación das prazas de abastos en mercados. Galicia seguirá desenvolvendo este ano xunto con outras liñas de actuación, como os bonos Activa Comercio con 5 M€ consignados nos orzamentos de 2025, para revalidar o éxito dunha medida que na súa última edición mobilizou máis de 22,5 M€ en vendas en toda Galicia.