O municipio luso de Valença do Minho vén de asinar un contrato de apoio con Turismo de Portugal co fin de reforzar e cualificar a oferta de turismo patrimonial do conxunto histórico da Fortaleza de Valença, por un valor de 445 619,08 euros.
O convenio de colaboración enmárcase na liña de axudas do Goberno luso denominada «Linha +Interior Turismo» dentro do proxecto destinado á mellora das fortalezas de Valença, Almeida e Marvão que ten como obxectivo aumentar a calidade da oferta turística sustentable, a diversificación do produto turístico e a creación de estratexias de promoción e programación integrados.
Con todo, entre as accións previstas a desenvolver encóntranse a iluminación escénica da cara oeste da fortaleza, concretamente da zona visible dende a entrada por Galicia. Tamén se prevé a creación de kits de interpretación do patrimonio para persoas con mobilidade reducida así como a creación de experiencias de visita inmersivas nos museos da zona histórica.