martes, febrero 4, 2025
InicioNewsConcellos +Ponteareas participa na presentación do XI Festival Converxencias Portugal Galicia

Ponteareas participa na presentación do XI Festival Converxencias Portugal Galicia

O concelleiro de Ensino e Letras nas Aulas, Ricardo González, participou na presentación da nova edición do Festival Converxencias Portugal-Galicia, que celebra a súa 11ª convocatoria cunha ampla programación composta por música, danza, teatro, cinema e literatura. Trátase dunha iniciativa que, tal e como salientou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, aposta por “reforzar os lazos entre o galego e mundo lusófono”.

Tal e como indicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a cita terá lugar do 3 de febreiro ao 15 de marzo entre as localidades de Braga, Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela. Neste senso, destacou a importancia deste festival que leva máis dunha década achegando a lingua galega a outros territorios de fóra da Comunidade.

Unha das citas máis destacadas será o tributo a José Afonso e Rosalía de Castro, onde actuarán o grupo Canto D’Aquí acompañados polos artistas Amancio Prada e Uxía e que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro en Braga.

O Festival chegará a Ponteareas o vindeiro 15 de marzo. A cita será no auditorio municipal Reveriano Soutullo onde terá lugar o “Concerto fusâo tradicional” con Canto D´Aquí e Rusga de S. Vicente. Este festival inclúe artistas como Ricardo Ribeiro, Artur Caldeira, Isabel Rei Sanmartín, Ana Sofía Carvalheada, José Moças, Daniel Pereira Cristo, Óscar Ibáñez ou a Banda Municipal de A Estrada, entre outros.

Ricardo González amosou a intención do goberno ponteareán de apostar pola cultura como recurso enriquecedor e dinamizador que a súa vez devolve a vila do Corpus o seu relevante papel neste eido. “Para Ponteareas a cultura é unha das súas señas de identidade. Levamos no adn a música e a paixón pola arte en todas as súas modalidades. Por iso apostamos por promover non só eventos e espectáculos tamén espazos nos que poder crear como a residencia Artistea”.

Un mes cheo de actividades culturais

Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e de pasamento do cantautor portugués José Afonso, estreitando os lazos que unen Galicia e Portugal e evidenciando a súa semellanza entre as súas linguas e culturas.

A programación, que reúne diferentes persoeiros do mundo cultural das dúas beiras do Miño, abrirá coa actuación Fado em Portugal de Artur Caldeira no auditorio do conservatorio profesional de música de Santiago de Compostela. O broche final a máis dun mes de programación será o 15 de marzo coa proposta musical Concerto fusão tradicional dos grupos Canto D‘Aquí e Rusga de San Vicente, no auditorio Reveriano Soutullo en Ponteareas. As actividades, datas e localizacións, poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

Máis dunha década reforzando os lazos coa lusofonía

Promovido polo grupo Canto D’Aquí e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta, co apoio doutras institucións como a Fundación Rosalía de Castro, o obxectivo deste festival é dar cumprimento á Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS