Os datos de seguimento da couza guatemalteca da pataca amosan un avance significativo na súa contención previa a unha posible erradicación ao non detectarse a presenza deste organismo nocivo en varias zonas demarcadas durante dous anos consecutivos. Deste xeito, e segundo informa a Consellería do Medio Rural, é posible o levantamento das medidas fitosanitarias de erradicación. Noutras zonas é preciso manter as medidas fitosanitarias vixentes ata que pasen dous anos dende a última captura.
Así se explica na resolución da Consellería do Medio Rural que publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que actualiza a zona demarcada pola Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca). Sinálanse as parroquias que se manteñen como zonas infestadas, as que pasan de zona infestada a zona tampón, as que permanecen nesta última demarcación e as que pasan a considerarse libres.
Deste xeito, continúan como zonas infestadas as seguintes parroquias: Abegondo (Santaia), Cabanas (San Xián), Figueroa (San Miguel) e Sarandós (Santa María de Sarandós), no concello coruñés de Abegondo; Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo), en Carral; A Pedra (Santa María), no municipio de Cariño e Barallobre (Santiago) e Maniños (San Salvador), en Fene. Ao tempo, pasan de zona infestada a zona tampón a parroquia de San Xurxo de Moeche, no concello coruñés homónimo, e a de Trabada (Santa María), no municipio lucense do mesmo nome.
Mantéñense como zona tampón as parroquias seguintes (todas elas da provincia da Coruña): Cerneda (San Salvador), Folgoso (Santa Dorotea), Mabegondo (San Tirso), Meangos (Santiago), Montouto (Santa Cristina) e Viós (San Salvador), no concello de Abegondo; Laraxe (San Mamede), en Cabanas; Vigo (Santa María), en Cambre; Cariño (San Bartolomeu), Landoi (Santiago) e Sismundi (Santo Estevo), no municipio de Cariño; Beira (Santa Mariña), Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), en Carral; Régoa (Santa María), en Cedeira; As Encrobas (San Román), en Cerceda; Castelo (Santiago), en Culleredo; Limodre (Santa Eulalia), Magalofes (San Xurxo) e Perlío (Santo Estevo), en Fene; e Franza (Santiago) e Piñeiro (San Xoán), no concello de Mugardos.
Por outra banda, pasan a considerarse zonas libres, na provincia da Coruña, as parroquias de Caión (Santa María de Socorro), no concello da Laracha; Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro), en Arteixo; As Somozas (Santiago Seré), no municipio das Somozas; Labacengos (Santa María), San Xoán De Moeche (San Xoán) e Santa Cruz De Moeche (Santa Cruz), no concello de Moeche; e Ferreira (San Paio) e Lamas (San Xiao), no termo municipal de San Sadurniño.
Tamén pasan a ser zonas libres, na provincia de Lugo, as parroquias de San Xusto de Cabarcos (San Xusto), no concello de Barreiros; San Tomé de Lourenzá (San Tomé) e Santo Adrao de Lourenzá (Santo Adrao), no de Lourenzá; e A Fórnea (Santo Estevo), A Valboa (Santa María Madanela), Sante (San Xiao), Vidal (San Mateo) e Vilapena (Santiago), no municipio de Trabada.
Ademais, nesta resolución pódese consultar o plan de situación da nova zona demarcada e a relación de parroquias das zonas infestada e tampón.