A Policía Nacional detivo a un varón esta madrugada tras presuntamente matar a outro home cun arma branca e ferir de gravidade á súa parella. Así o informou o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, tras os feitos acontecidos esta madrugada en Redondela.
O homicidio e a tentativa de homicidio tiveron lugar na Rúa General Rubín de Redondela en torno ás 2:00h da madrugada deste venres 31 de xaneiro. O presunto agresor, que responde ás iniciais de R.C.G.F de 48 anos, foi localizado e detido pola Policía Nacional unha hora despois dos feitos no seu propio domicilio.
O falecido, J.A.F.C de 43 anos, recibiu puñaladas no peito, á altura do corazón e no pescozo e a muller, E.M.F de 42 anos, resultou ferida grave, foi trasladada ao hospital e operada de urxencia e, segundo informan dende a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, «parece evolucionar favorablemente».
«Os feitos poderían gardar relación cunha discusión acontecida tempo atrás entre eles nun local de ocio nocturno» informou Abel Losada.