jueves, enero 30, 2025
InicioNewsActualidadeVeciños e veciñas de Nigrán terán un desconto do 50% no Reggaeton...

Veciños e veciñas de Nigrán terán un desconto do 50% no Reggaeton Beach Festival

O Concello de Nigrán e o Reggaeton Beach Festival acordan un desconto do 50% nas entradas para empadroados no municipio. Así o anunciaron o alcalde de Nigrán, Juan A. González e o co-diretor do festival, Raúl Rojas, durante a celebración de FITUR como «parte do compromiso do evento coa comunidade local».

Ademais, tamén informaron que «se lanzará unha convocatoria para que os residentes desempregados teñan prioridade á hora de cubrir os postos de traballo necesarios para o seu desenvolvemento, que se calculan nuns 200 entre hostalaría e loxística».

A próxima edición do evento terá lugar os días 26 e 27 de xullo no recinto de Porto do Molle. “Reggaeton Beach Festival é moito máis que música. É unha plataforma de desenvolvemento económico e social que permite dinamizar o turismo e generar emprego en Nigrán”, afirmou Raúl Rojas.

Pola súa banda, o rexedor da localidade valora as novas medidas adoptadas dende o festival porque «beneficia á economía de miles de familias nigranesas que queren desfrutar do festival e, por outra banda, dará a oportunidade de que eses días traballen veciños interesados niso».

Entre os primeiros confirmados para a xira nacional figuran: Chencho Corleone, Justin Quiles, Ñengo Flow, Sech, Cosculluela, Hades66, Luar La L e Noriel. O cartel final do evento en Nigrán desvelarase nos próximos meses. As entradas xa están á venda na súa páxina web.

Dende a organización revelan que «o recinto de Nigrán foi redeseñado co fin de mellorar a experiencia do público, cun novo escenario que maximiza a visibilidade e un son optimizado. Ademais, a zona de actividades foi renovada con obradoiros, karaoke e xogos interactivos, mentres que as zonas de refresco incluirán piscinas inchables e cañóns de auga».

«A Zona VIP tamén evolucionará nesta edición», aseguran «e contará con accesos exclusivos, barras privadas e un espazo especial para creadores de contido», adiantan dende a dirección do RBF.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS