O Consello de Nauta dá luz verde ao proxecto de reforma do acceso ao porto pesqueiro de Sanxenxo. A actuación prevista terá un custo estimado de 190.000 euros e será financiada con cargo aos fondos propios da sociedade municipal Nauta Sanxenxo.
A intervención proxectada ten como fin mellorar o tránsito peonil e a durabilidade do acceso, deteriorado con facilidade debido ao paso de tráfico pesado. O prazo de execución previsto é dun mes e medio.
En concreto, as obras que se realizarán serán a retirada do pavimento existente dende a rotonda de acceso ao porto ata a entrada do espazo destinado á pesca, a disposición dun novo firme de formigón de anchos variables, a colocación de bolardos móbiles e fixos ao longo do trazado e a instalación dun sistema de control con bolardos telescópicos, semáforos e lector de tarxetas e matrículas.
Dende o Concello de Sanxenxo informan que «o acceso á zona portuaria estará garantido durante a execución das obras a través dun itinerario alternativo polo vial do espigón que rodea o porto».
Actualización dos prezos do aparcadoiro público
Durante o Consello de Nauta tamén se aprobou a actualización dos prezos do aparcadoiro público segundo o IPC e a conxelación do resto das taxas en amarres e alugueiros.