jueves, enero 30, 2025
InicioComarcasBaixo MiñoAberto o prazo de inscripción para participar no concurso e desfile de...

Aberto o prazo de inscripción para participar no concurso e desfile de Entroido do Rosal

O Concello do Rosal abre o prazo de inscripción para participar no concurso de disfraces e desfile do entroido, que se celebrará o domindo 2 de marzo a partir das 11:00 horas. Nesta celebración poderán participar todas as persoas interesadas e todos colectivos interesados.

Como outros anos, o desfile percorrerá a rúa Xulio Sesto dende a Rotonda da Feira e a rúa de Ramón Franco ata o cruce coa Lomba. “Queremos que todo o mundo participe e goce desta festa tan nosa, que combina creatividade, humor e cultura popular”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nesta edición, como nas anteriores, haberá cinco categorías. Contaranse con premios para os mellores disfraces, carrozas, que deberán ter un mínimo seis persoas sobre elemento móbil, comparsas, no que participarán como mínimo dez persoas, grupos, formados por entre tres e nove participantes, disfraces individuais, incluíndo parellas, e a especial de Entroido tradicional. En total, máis de 3.600 euros serán repartidos en galardóns entre os tres primeiros postos de cada categoría.

Dende o Concello “animamos a toda a veciñanza a participar, a encher as rúas do Rosal de fantasía e a manter viva a nosa tradición”, salientou a rexedora. Unha festa que promete, un ano máis, converter O Rosal nun escenario de imaxinación e divertimento para todas as idades.

Solicitude de participación

As persoas e colectivos interesados en participar poderán inscribirse presentando unha solicitude antes do 14 de febreiro no Rexistro do Concello, tanto de xeito presencial como telemático. As bases do concurso atópanse na páxina web do Concello do Rosal.

Xunto coa solicitude de inscrición deberase achegar unha breve descrición dos disfraces, a documentación correspondente, como a fotocopia do DNI para as persoas participantes, con autorización do ou da representante legal en caso de menores de idade, ou co CIF e DNI da persoa representante en caso de ser asociacións. Ademais, as persoas que non se inscriban a tempo poderán sumarse ao desfile, pero sen opción a premio.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS