O concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, presentou a terceira edición do festival cinematográfico Norte Cinema Diverso. Este celebrarase do xoves 20 ao sábado 22 de febreiro no Teatro Colón. «Este é máis cun festival de cine, é unha plataforma que serve para darlle visibilidade e resonancia a historias que desafían prexuizos, cuestionan normas e reflicte a multiplicidade do colectivo», sinalou o concelleiro.
A organización do festival conformada por Fernando Cayazzo e Fito Ferreiro programaron unha coidada selección de películas e curtametraxes. Ademais, o edil indicou que o festival «permite reivindicar o cine como ferramenta de transformación, compromiso e inclusión». Este ano farase fincapé no colectivo trans. Norte Cinema Diverso volverá a contar coa súa sección NCD Educa. Esta é unha iniciativa para levar o cine LGTBIQ+ por distintos institutos da cidade para xerar debate e reflexión na comunidade escolar. Este ano, desde principios de xaneiro ata a véspera do festival, NCD Educa chega a sete centros da Coruña, que en comparación co ano pasado son tres máis. Así mesmo, esta actividade xa pasou por institutos de Oleiros, Arteixo e Cambre.
Ademais, contarase co obradoiro de cine con móbil que serve como outra ferramenta de visibilización e de búsqueda de audiencias máis amplas e comprometidas. Este proxecto comezou en novembro. Estes días, concretamente, están a rematar a montaxe da curtametraxe titulada ‘Ela e eu‘ e está baseada nunha obra de teatro do mesmo nome, realizada por escolares do colexio Andaina, e que denuncia o acoso que sofre unha rapaza da que se sospeita que é lesbiana. Participaron na elaboración da obra máis de 30 cativos e cativas.
«Desde o Goberno de Inés Rey tratamos de introducir na nosa programación cultural mensaxes a prol da liberdade e dos dereitos de todas as persoas e estamos orgullosos de colaborar con diferentes asociacións e entidades que promoven estes valores de distinto xeito», salientou o concelleiro. A terceira edición de Norte Cinema Diverso comezará o día despois da celebración en todo o mundo do Día contra a LGTBIfobia no deporte. A curtametraxe que abrirá o certame é a española ‘Campeones’, que denuncia o silencio e ocultación dos homosexuais no fútbol masculino. As instalacións deportivas e os campos de fútbol son un dos espazos hostiles para o colectivo, posto que se producen máis delitos de odio relacionados coa LGTBIfobia.
En total serán tres longametraxes e catorce curtametraxes, procedentes de España, Polonia, México, Francia, Portugal, Argentina, Ecuador e Galicia, representada con dúas obras. A organización anima os creadores galegos a que fagan pezas relacionadas co colectivo e usen Norte Cinema Diverso como plataforma de promoción dos seus traballos. O xurado estará composto por cineastas e xornalistas elixirán a curta gañadora do premio Trini Falcés. Desta maneira, o festival reivindica o legado desta muller trans coruñesa que encabezou en 1977 a primeira manifestación do Orgullo en Barcelona, España.
Fóra de concurso, visualizarase a curta da asociación Palestra e producida polo Concello da Coruña chamada Memoria LGTBIQ+. Unha iniciativa que quere recuperar e reivindicar a memoria do colectivo, un pasado de represión, para construír o noso futuro nunha sociedade libre e diversa. Ademáis, ca idea de medrar levarán a cabo o primeiro festival de cine LGTBIQ+ de Galicia. Esta idea contará ca colaboración co Concello de Santa Comba e celebrarase o sábado 8 de febreiro. Así, realizarase unha xornada de cine e debate, que irá acompañada de unha proxección da película ‘Te estoy amando locamente’ e un coloquio posterior coa participación dos codirectores do certame, Fernando Cayazzo e Fito Ferreiro.