A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu dos delitos de contrabando de labores de tabaco, asociación ilícita, suborno activo e pasivo e revelación de segredos por funcionario público, obxecto de acusación, a oito procesados. O tribunal considera probado que o 14 de maio de 2001 arribou no porto de Vigo un buque cargado con contedores, atopándose no seu interior tabaco da marca Magnun Especial, de procedencia extracomunitaria, camuflado entre madeira contrachapada. A Sala relata que, inspeccionados outros tres contedores, resultou que nos mesmos había idéntico tipo de mercadoría. En total, comisáronse 431.948 paquetes de tabaco, cun valor de 127.424.660 das antigas pesetas. O tribunal salienta que non consta a participación dos oito procesados “nin nese feito nin en ningún outro dos que conforman os escritos de acusación”.
En particular, destaca que non consta que dous dos acusados, funcionarios do Servizo de Vixilancia Aduaneira con destino na Coruña e que prestaban os seus servizos como observadores aéreos da costa oeste galega para vixiar a entrada de mercadorías ilícitas, “transmitisen información que obtiñan no exercicio da súa función a outro procesado, xefe da Base Marítima de Vixilancia Aduaneira na Coruña -falecido en 2019- e do que non tiñan dependencia xerárquica nin funcional, con fins ilícitos”.
De igual modo, segundo a sentenza, “tampouco consta” que outro dos sospeitosos, de profesión garda civil, “transmitise información obtida no exercicio propio da súa función” a outros dous acusados con fins ilícitos. Ademais, as maxistradas aclaran que se declarou extinguida a responsabilidade penal de catro dos sospeitosos por falecer ao longo do procedemento. “A ausencia de proba de cargo nesta operación de contrabando de tabaco determina a libre absolución de todos os acusados a quen as acusacións atribuían a mesma”, indica o tribunal na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o TSXG.