jueves, enero 30, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño condece 175.000 en axudas ás comunidades de augas veciñais

O Porriño condece 175.000 en axudas ás comunidades de augas veciñais

O Concello do Porriño vén de conceder 175.000 euros en axudas ás comunidades de augas do municipio, destinadas a reforzar o control sanitario, optimizar o mantemento das instalacións e mellorar a rede de distribución.

O alcalde, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou que “estas axudas buscan apoiar ás traídas veciñais, fundamentais para garantir que a auga chegue en óptimas condicións a todas as parroquias do termo municipal”.

As subvencións, que corresponden á resolución da convocatoria de axudas para o ano 2024, distribúense en dúas liñas principais, cunha achega máxima de 8.000 euros por comunidade para calquera das liñas subvencionables. No caso de concorrer ás dúas liñas, o límite total pode chegar ata 12.000 euros por entidade, sempre que non supere o 80% do custo total do proxecto presentado.

A primeira liña, centrada no mantemento, inclúe axudas para reparacións, substitución de redes de distribución de ata 50 metros e gastos relacionados coas analíticas de control sanitario, conservación e mantemento de captacións, sistemas de almacenamento e potabilización. A segunda liña, destinada a investimentos, dá cobertura a actuacións máis amplas, como a substitución de redes de distribución de máis de 50 metros e outras melloras estruturais nas instalacións.

O Concello outorgou as axudas a todas as comunidades que completaron o expediente. Entre as comunidades beneficiadas atópanse as Comunidade de augas de Cruz, Vitureira, Casal-Chan- Orbelle, Rozadas-Eiris, Cans, Contrasto, Bouza, San Jorge de Mosende, Covelo, Atios, Carracido, Chenlo, Torneiros, Mosteiro, O Cerquido, Vaquería, A Devesa, Centeáns e A Graña.

Esta medida «reflicte o compromiso por chegar a todos os veciños e veciñas, especialmente nas parroquias, onde o apoio ás traídas veciñais é clave para garantir un servizo básico esencial» asegura o goberno local.

O concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez Campos subliñou que estas subvencións representan un paso importante para garantir a calidade da auga e o benestar da veciñanza e asegura que “é fundamental apoiar ás traídas para que poidan prestar o mellor servizo posible. Estes investimentos non só melloran a calidade da auga, senón que aseguran un abastecemento seguro e sostible”.

Ademais, Lorenzo destacou que «estas liñas de axuda manteranse este ano e tamén nos vindeiros, garantindo así o apoio continuo ás comunidades de augas«.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS