jueves, enero 30, 2025
InicioO PaísA CoruñaO novo temporal deixa máis de 50 incidencias en Galicia

O novo temporal deixa máis de 50 incidencias en Galicia

Tras o paso de Herminia, Galicia prepárase para outra xornada de temporal na que se esperan fortes precipitacións e refachos de vento na comunidade. A nova borrasca, Ivo, deixa ao seu paso máis de 50 incidencias no territorio galego.

Así o fai constar a entidade AXEGA – Emerxencias 112 na súa páxina web, onde informan que «foron contabilizadas ata un total de 53 incidencias relacionadas co mal tempo no día de hoxe ata ás 7:00h».

Polo de agora, a tipoloxía das incidencias é diversa, sendo a máis numerosa a relacionada con árbores ou ramas en vías de circulación, cun total de 22 reportes. Tamén foron contabilizados ata 14 sucesos relacionados con diferentes obxectos ou restos de accidentes nas estradas.

A provincia máis afectada polo de agora é Pontevedra, con 29 incidencias, seguida da Coruña con 16. En Ourense contabilizáronse seis incidencias e en Lugo, dúas. Ata o momento, os concellos máis afectados son Pontevedra, con catro incidencias e Maceda e Redondela con tres cada un.

Do mesmo xeito, durante a madrugada deste mércores 29 de xaneiro houbo varias situacións a destacar, aínda que en ningunha houbo que lamentar danos persoais.

Concretamente, no Concello de Aranga produciuse unha salida de vía no quilómetro 542 da A-6, debido a un aquaplaning. Tamén en Aranga, un turismo pasou por riba dunha árbore sufrindo danos materiais.

En Ribeira, un particular alertou de varias uralitas desprendidas dun edificio que foran impactadas contra unha grúa. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Boiro.

En Sanxenxo, unha persoa chocou contra un contedor que fora desprazado ata o medio da vía a causa do vento.

A axencia MeteoGalicia mantén activo o aviso naranxa para a xornada de hoxe en todo o litoral galego por vento de mar e choiva así como o aviso amarelo para o interior de Pontevedra por choiva e para toda Galicia por vento.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS