Un ano máis o Concello de Tui súmase ao recordo no Día Internacional en Conmemoración da Memoria das Vítimas do Holocausto co acendido de seis candeas en lembranza das vítimas da Shoá. Hoxe luns, 27 de xaneiro, conmemórase o oitenta aniversario da liberación, en 1945 polas tropas soviéticas, do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau.
Con este acto simbólico o Concello tudense quere visibilizar e ampliar a conciencia social sobre este tráxico acontecemento lembrando aos seis millóns de xudeus mortos nos campos de exterminio durante a Segunda Guerra Mundial. Con este acto, Tui súmase ás actividades que promove a Rede de Juderías – Camiños de Sefarad nesta xornada para expresar o seu compromiso de traballar pola educación, o respecto e a tolerancia e de loitar para erradicar a violencia, a barbarie e a intolerancia.
No acto de acendido, celebrado este mediodía na Casa do Concello de tudense, participou o alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Turismo, Ana Núñez, e Esther Cabral, unha xudía arxentina residente en Tui, descendente de vítimas do holocausto, pois a familia da súa avoa paterna foi asasinada no campo de concentración de Treblinka.
A Asemblea Xeral de Nacións Unidas proclamou o 27 de xaneiro Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto para render tributo á súa memoria e para ratificar o seu compromiso de loitar contra o antisemitismo, o racismo e toda outra forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.