O Concello de Ponteareas vén de presentar nunha reunión informativa os diferentes proxectos cos que se presentará aos fondos FEDER da Unión Europea. En total, están en xogo 15 millóns de euros e, no caso de que se consigan, a administración local terá que achegar un total de 6 millóns de euros. Todas as actuacións deberán estar executadas antes de que finalice o 2029 e foi unha empresa privada a encargada de explicar estes proxectos á veciñanza que asistiu á xuntanza.
Entre os proxectos que o Concello de Ponteareas presentará a esta conovocatoria, atópase a instalación de toldos na Praza Bugallal para crear zonas de sombra ou a renaturalización do espazo con elementos vexetais así como a reforma da baixada de San Gregorio e a súa contorna ou a rehabilitación do edificio de servizos sociais da rúa Oriente para mellorar a súa eficiencia enerxética e reorganizar os espazos, tal e como informaron nesa xuntanza. Con todo, non especificaron como se levaría a cabo esta actuación, pero si apuntaron que o obxectivo é crear espazos nos que poder refuxiarse durante os días de verán.
Tamén inclúe a adquisición de edificios no municipio para construir vivenda social no municipio, aínda que, segundo apuntaron, é a parte menos avanzada do conxunto de proxectos. De igual xeito, indicaron que «en Ponteareas hai moitos edificios baleiros»
Durante a reunión, algúns dos veciños e das veciñas pregunaron á concelleira encargada da área de Urbanismo sobre os espazos que estarían destinados á xente moza de Ponteareas. A edil indicou que a nova biblioteca municipal inclúe espazos para que os mozos e as mozas da vila poidan realizar actividades cando faga mal tempo. Tamén na reunión un dos asistentes criticou que «neses proxectos non se inclúe nada para o rural, de feito, as parroquias están sen limpiar«.
Outros dos investimentos que contempla o Concello de Ponteareas ten que ver coa atención aos maiores coa construción dun centro de día na parroquia de Xinzo e outro na parroquia de Guláns. Tamén inclúe a dixitalización do conservatorio municipal de música ou novos equipamentos para a nova praza de abastos e a modernización da administración local cun visor web interactivo para consultar o PXOM e unha carpeta cidadá.
Outra das liñas dos proxectos coas que se presentará o Concello de Ponteareas a estas axudas da Unión Europea ten que ver co patrimonio, turismo e cultura posto que inclúe a obra da nova biblioteca pública municipal e a mellora da contorna así como a renovación do museo de Ponteareas.