O Concello de Laza prepárase para dar comezo a unha das datas máis importantes do municipio, o seu particular entroido. A festividade, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia, comeza a súa celebración semanas antes dos dias grandes de carnaval na comunidade con catro ‘Venres de Folión’.
Os venres 7, 14 e 21 de febreiro haberá folións a partir das 23:00h polas rúas da vila.
De seguido, o xoves 27 de febreiro, ás 14:00h celebrarase o folión dos nenos do CEIP O Castiñeira. Pola noite, terá lugar a cena de comadres e posteriormente a verbena a cargo da formación 3.Com.
O venres 28 de febreiro, terá lugar o último folión. Pola tarde haberá pasarrúas co grupo de música tradicional ‘Tanto nos ten‘. Ás 21:30h terá lugar a Cena Gastronómica do Cocido e ás 00:00h salirá o Gran Folión do Entroido, no que sonarán por última vez os chocos antes da estrea do ‘Peliqueiro’.
O sábado 1 de marzo, terá lugar o ‘Sábado de Cabritadas’. Pola tarde celebrarase a Gran Fariñada dos nenos con música do grupo ‘LouBand‘ e haberá pasarrúas da man do grupo ‘Tanto nos ten‘. Á noite terá lugar a ‘Troula e Cabritada dos Mozos’ e a formación 3.Com amenizará a verbena.
O domingo 2 de marzo será o ‘Domingo de Estrea’, onde os ‘Peliqueiros’ farán acto de presenza por primeira vez, e tras a misa dominical saudarán aos feligreses. De seguido, repartirase na praza da Picota a ‘bica do Peliqueiro’. O pasarrúas realizarase a cargo das charangas Europa e Os Kokakolas.
Nesa mesma tarde, os Peliqueiros acompañarán as carrozas de entroido no seu desfile. O desfile estará amenizado polo grupo de música tradicional Os Varacuncas e a charanga Felga. Á noite, a charanga Los Támega e o grupo M3 Show animarán a verbena.
Durante o Luns Borralleiro, o luns 3 de marzo, levarase a cabo a Farrapada, a procesión da Xitanada dos Burros e os Maragatos farán acto de presenza. O pasarrúas correrá a cargo dos grupos No Cómbaro e Varacuncas.
Durante a tarde, a charanga Europa será a encargada de amenizar as rúas. A continuación, repartiranse as cachuchas para o deguste de todos os asistentes.
Á noite a festa estará amenizada polo grupo Festicultores e a orquesta Triunfo.
O martes 4 de marzo será o ‘Martes de Entroido’. Pola mañá terá lugar a salida dos Peliqueiros Veteráns e as formacións No Cómbaro e Os Kokakolas amenizará as rúas.
Durante a tarde, o baile será a cargo da orquesta Alma Latina, que dará paso á lectura do testamento do Burro, ao Enterro do Entroido e ao loito dos Peliqueiros .
O entroido rematará o domingo 9 de marzo, co Domingo de Piñata. Durante o día haberá servizo de pulpeira na Praza da Picota e animación musical coa charanga Bandiños Band.