miércoles, enero 29, 2025
InicioNewsGalicia pon en marcha o Bono Emancípate para axudar á mocidade a...

Galicia pon en marcha o Bono Emancípate para axudar á mocidade a independizarse

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a vindeiro posta en marcha do Bono Emancípate, unha iniciativa pioneira en Galicia coa que o Goberno autonómico “axudará aos mozos” de entre 18 e 35 anos “cos primeiros gastos do seu fogar” e que estará dotada de 2 millóns de euros. “O prazo pasa solicitalo comezará o vindeiro 6 de febreiro e rematará o 30 de abril”, segundo engadiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

A iniciativa ten por obxectivo que os mozos e mozas galegas conten cun incentivo económico á hora de independizarse, xa sexa nunha vivenda alugada ou en propiedade, para sufragar “a adquisición de mobiliario” ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, téxtil ou “certos electrodomésticos esenciais”, explicou Rueda. Tamén poderán empregar a axuda en gastos que teñan que ver con xestoría e notaría ou derivados dos servizos de transporte de mudanza.

Deste xeito, tal e como resaltou o conselleiro trátase dunha liña de apoio “complementaria” a outras que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento. No caso de vivir como arrendatarias, as persoas que resulten beneficiarias recibirán 1.500€ para  empregar na tipoloxía de gastos xa mencionados, mentres que as que soliciten a axuda tendo adquirida a súa propiedade a contía será de 3.000€.

Unha medida que se enmarca na aposta da Xunta por facilitar o acceso a vivenda a xente nova e apoialos a dar o paso de independizarse ao “botar unha man cos primeiros gastos que se unen ao actual prezo da vivenda”, indicou Rueda. “É unha iniciativa pioneira a nivel estatal xa que Galicia é a primeira comunidade en poñer en marcha” unha axuda deste tipo, indicou López Campos, quen asegurou que con ela se busca “un futuro mellor para a nosa mocidade e para Galicia”.

Ao Bono Emancípate poden acceder, dentro da franxa de idade indicada, as persoas que cumpran algúns requisitos como ter, polo menos, unha fonte regular de ingresos, posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, ou estar empadroadas na vivenda na que van permanecer, entre outras cuestións. Poderán solicitalas aqueles mozos con contrato en vigor desde o 31 de maio de 2024 e cunha duración mínima dun ano.

Solicitudes e tarxeta virtual

A orde de convocatoria en concorrencia non competitiva sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia e, tras uns días para dar a coñecer a iniciativa, abrirase o 6 de febreiro, o prazo de solicitudes. Presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ata o 30 de abril de 2025, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

Unha vez concedidas e comunicadas as axudas, faranse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual que se expedirá a nome da persoa beneficiaria e non poderá ser usada máis alá do 31 de decembro de 2025. Ademais, as compras que se realicen con esta tarxeta deberán facerse en comercios especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías que teñan establecemento aberto en Galicia e non se poderá utilizar en compras a distancia.

Emancipación da mocidade

Coa posta en marcha do Bono Emancípate, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá resposta ás demandas da mocidade galega ante as dificultades de acceso a unha vivenda de seu que lle permita iniciar un proxecto de vida independente. Así, con esta iniciativa trátanse de complementar as políticas de vivenda que xa vén desenvolvendo a Xunta de Galicia cunha proposta diferente, dirixida a cubrir en parte os gastos que leva consigo a posta en marcha dun fogar.

Esta proposta súmase a outras de carácter transversal nas que interveñen varios departamentos da Administración autonómica como é a promoción de vivendas colaborativas para menores de 36 anos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS