O Partido Socialista de Ponteareas critica nun comunicado a «obra de teatro do Partido Popular para xustificar un falso proceso de participación«. Refírense os socialistas da vila do Tea á xuntanza que tivo lugar no salón de plenos do Concello onde unha empresa privada explicou aos veciños e as veciñas convocados os proxectos cos que a administración local optará a 15 millóns de euros de fondos europeos.
Neste contexto, a voceira socialista, Vanesa Fernández, indicou que «logo do anuncio da concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, a través dos medios de comunicación para asistir a este proceso participativo, acudimos á xuntanza co ánimo de poder aportar nese proceso». Fernández apunta que «durante unha hora aproximadamente, unha empresa privada amosou o proxecto que o goberno presentará para optar a 15 millóns de euros de fondos europeos».
«O que nun principio se anunciou como unha escoita das voces dos vecños e veciñas para indicar os proxectos nos que lles gustaría que se gastasen eses cartos, resultou ser unha farsa, unha reunión na que se nos dixo que os proxectos xa estaban definidos«, tal e como apuntan desde o PSOE de Ponteareas.
Así, «quedou claro que non existe ningún proxecto para a xuventude de Ponteareas nin para o deporte nin para o rural, tal e como se lle dixo á concelleira por parte dos asistentes». Vanesa Fernández critica tamén que «é unha tomadura de pelo que se diga que se pode aportar cando os proxectos xa están pechados» e lembra que «se queren proxectos maduros teñen moitos que o goberno progresista deixamos preparados no Concello».
O Partido Socialista pregúnta se «están tomando o pelo ou pretenden verder fume» posto que «as contradicións xurdiron cando se lle preguntou ao Partido Popular que proxecto tiñan avanzado en vivenda social, respondendo que ningún, que o único que hai é a decisión de investir».