sábado, enero 25, 2025
InicioNewsConcellos +O Concello de Ponteareas presenta en Fitur a XIII edición do Festival...

O Concello de Ponteareas presenta en Fitur a XIII edición do Festival Groba

O Concello de Ponteareas presumiu de patrimonio musical e gastronómico na Feira Internacional de Turismo (FITUR) celebrada esta semana en Madrid. Acompañados do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, a alcaldesa de Ponteareas Nava Castro; o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González; e o concelleiro de Turismo, Nicolás Rodríguez, presentaron o cartel da XIII edición do Festival Groba que se celebrará do domingo 17 ao sábado 23 de agosto.

Cada ano o Festival Groba ofrece unha semana intensa de concertos nos que escoitar aos mellores músicos do mundo difundindo o legado do mestre Groba e tamén achegando a música culta a toda a cidadanía. “O Festival Groba é un auténtico dinamizador cultural que ademais de ofrecer unha oferta de lecer de extraordinaria calidade tamén promove o coñecemento da nosa vila e dos nosos músicos”, explica a alcaldesa ao tempo que engade que é unha oportunidade para toda vila, “ao conectar recoñecidos profesionais co alumnado do conservatorio e das escolas e bandas de música e tamén cos obradores de instrumentos e cidadanía en xeral”. O Festival Groba proxecta Ponteareas a través dos músicos e do público que enche as catrocentas butacas do auditorio municipal e a igrexa de Canedo ou as prazas dos concertos ao aire libre, segundo o explica o tenente de alcaldesa.

No stand da Xunta de Galicia o Concello de Ponteareas tamén apostou pola posta en valor da súa gastronomía enxalzando as rosquillas nunha cata de requeixo das Neves acompañada dos viños do Condado. A alcaldesa sinala a importancia de xerar territorio a través das fortalezas de cada Concello, “somos un territorio rico e variado apto para os apaixoados da historia, para os que desfrutan da natureza, para os que queren desfrutar do lecer, para o turismo que procura saúde e benestar, para os que buscan experiencias gastronómicas ou para o deportivo”.

Nesta edición de FITUR presentouse por vez primeira o cartel da Festa do Corpus Christi, arroupado polo presidente da Xunta de Galicia que acompañou á alcaldesa de Ponteareas, ao tenente de alcaldesa, Juan Carlos González e ao concelleiro de Turismo e en presenza do público que se achegou ao stand engalanado con adornos florais rememorando as hortensias do Corpus.

Ademais, o Concello de Ponteareas estivo na presentación do Club de Produto da Lamprea. Unha ferramenta de xestión e planificación onde empresas e entidades locais acordan traballar xuntos en colaboración público – privada para desenvolver novos produtos turísticos ao redor da lamprea. A lamprea do Miño capturada nas Pesqueiras ou a lamprea do Tea nas estacadas forman o punto central dunha ferramenta que permitirá identificar ás necesidades de creación do produto, organizar aos actores públicos e privados para levar a cabo as accións impulsoras do club, así como a formación aos seus socios, a desestacionalización do turismo no territorio e a promoción conxunta do Xeodestino Terras do Condado A Paradanta.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS