O Comité de Empresa de Levantina, no Porriño, así como os sindicatos de CCOO, UGT e CIG califican a actual situación dos traballadores e das traballadoras desta planta de «delicada». Explican, nun comunicado, que «esgótase o tempo para salvar máis de 100 empregos«. Refírense ao ERE que a dirección pretende aplicar a máis de 100 persoas traballadoras o que «en moitos dos casos significa perder o traballo de toda a vida».
Neste contexto, «desde a representación legal dos traballadores e traballadoras opoñémonos frontalmente á formulación da Dirección de Levantina tanto pola forma, a través de despedimentos masivos e baratos, como polo fondo do que pretenden». Os sindicatos consideran que «pretenden pechar a planta nuns meses e facer negocio coa venda dos terreos«.
CCOO, UXT e CIG explican que «levamos dúas semanas de negociación no período de consultas e xa nos sobrou tempo para coñecer que a vontade desta dirección de Levantina é marcharse do Porriño si ou si». De feito, indican que «sobramos todos e todas porque din que non lles interesa o granito, que non é un negocio». Aseguran, ademais, que «intentaron razoar durante este período alternativas que contemplen o mantemento da actividade industrial no Porriño», pero «as respostas da dirección de Levantina son que non se pode, que non é rendible, que non lles interesa».
Así, explican no comunicado que «non queda outra que buscar un grupo investidor que queira continuar coa actividade industrial no Porriño» e «salvar unha parte importante dos postos de traballo na nosa empresa, por este motivo reunímonos coas administraicóns». Piden celeridade neste proceso posto que «quedan 15 días para finalizar o período de consultas do ERE».