jueves, enero 23, 2025
InicioNewsActualidadeSanidade diagnostica 41 cancros de colo uterino grazas ao programa de detección...

Sanidade diagnostica 41 cancros de colo uterino grazas ao programa de detección precoz

O Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2021, diagnosticou, ata decembro de 2024, un total de 41 cancros, dos que o 76 % estaban en fase inicial. Desta forma, o cribado mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes.

A Consellería de Sanidade, coincidindo coa semana europea de prevención do cancro de colo de útero, fixo balance do programa que a Xunta iniciou na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos no ano 2021 e que, na actualidade, está implantado en toda Galicia.

Desde o comezo do programa, a Dirección Xeral de Saúde Pública invitou a participar 260.347 mulleres, o que representa máis do 41 % das mulleres de 35 a 65 anos.

Neste tempo lévanse analizadas preto de 150.000 mostras. Con isto, alcánzase unha participación do 56,72 %. A positividade global ao virus do papiloma humano (VPH) sitúase no 6,70 %, cumprindo cos datos observados na bibliografía desta enfermidade. 

No período que vai desde o inicio do programa ata decembro de 2024 realizáronselles colposcopias a máis de 4.400 mulleres. Así, detectánrose en preto de 850 mulleres con lesións premalignas CIN 1 -neoplasia cervical intraepitelial- (taxa de detección de lesións do 6,66 por cada mil mulleres), 300 mulleres con lesión CIN 2 (2,37 por cada 1.000 mulleres), 170 mulleres con lesión CIN 3 (1,34 por cada 1.000 mulleres) e 41 cancros de cérvix (0,32 por cada 1.000 mulleres). 

Incidencia

O cancro de cérvix sitúase como o cuarto en frecuencia no mundo entre as mulleres. Ademais, supón o segundo cancro máis frecuente entre mulleres de 11 a 44 anos no ámbito europeo, tras o cancro de mama. 

No ámbito mundial, esta enfermidade supón un 3,3 % da mortalidade global por cancro con máis de 300.000 mortes de este tipo. No ámbito europeo a taxa foi de 3,8 mortes por 100.000 mulleres. 

En Galicia, os datos dispoñibles amosan que entre 1996 e 2013 se rexistrou unha media de 49 mortes por ano. Isto supuxo unha taxa de mortalidade aproximada de 4 mortes por 100.000 mulleres, cunha idade media próxima aos 60 anos.

Como participar

A poboación diana deste cribado son as mulleres de 35 a 65 anos residentes en Galicia e con cobertura sanitaria polo sistema público. A invitación realízase mediante carta ou SMS (no caso de ter teléfono de subscrición Servizo Galego de Saúde). As mulleres que aceptan participar poden escoller entre recoller a mostra cun dispositivo de autotoma, que reciben no seu domicilio, ou cita coa matrona para levar a cabo a proba. 

A proba primaria de cribado é a detección de infección polo virus de papiloma humano de alto risco (VPH-AR). Se esta proba é negativa, repetirase aos 5 anos

Se a proba é positiva, non implica ter cancro necesariamente. É preciso verificar que non existen anomalías nas células, polo que se realizará unha citoloxía. Segundo o xenotipo do virus así como o resultado da citoloxía, estableceranse diferentes actuacións clínicas: seguimento nun período de tempo variable mediante repetición de probas ou derivación a colposcopia para descartar presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo do útero. 

Toda muller derivada a colposcopia recibirá, xunto coa cita xestionada polo programa de cribado, unha folla informativa sobre a realización da proba e os posibles resultados.

Unha vez realizada a colposcopia e biopsiadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, faise unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establecerase o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada. 

No caso de que se detecte algunha lesión premaligna ou cancro, o programa xestiona directamente unha cita no Servizo de Xinecoloxía correspondente. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS