O Concello de Redondela aprobou unha instrución sobre o tipo de uso e os requisitos para a implantación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico no municipio. O obxectivo é “resolver as posibles dúbidas que xorden á hora de interpretar as normativas tanto do propio Concello como da Xunta de Galicia”, explica o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro. Con esta instrución o que se pretende é “aclarar o encaixe urbanístico destes establecementos e os requisitos que deben cumprir, co obxecto de unificar criterios”.
A instrución, publicada onte no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, especifica a necesidade de presentar ante o Concello unha comunicación previa/declaración responsable de inicio de actividade previa á apertura dunha vivenda de uso turístico.
Os interesados deben presentar ante o Concello unha comunicación previa cos seus datos, ademais da documentación que acredite que cumpre cos requisitos para o exercicio da actividade: Memoria explicativa da actividade que se pretende realizar, xustificante de pago dos tributos municipais, declaración de que o establecemento reúne as condicións de seguridade e salubridade, etc. Desde o Concello contactarase coas vivendas turísticas que xa están en funcionamento para reclamarlles que presenten tamén esta documentación.