jueves, enero 23, 2025
InicioNewsComarcasAcordo no Parlamento para reclamar ao Estado o arranxo da N-120 entre...

Acordo no Parlamento para reclamar ao Estado o arranxo da N-120 entre Ponteareas e A Cañiza

O BNG acadou este xoves o acordo unánime no Parlamento para demandar ao Goberno do Estado o arranxo da Nacional 120 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz, O Covelo e A Cañiza, e dotala de seguridade viaria e peonil nas travesías que o precisen. A iniciativa, defendida pola deputada e ex alcadesa da capital do Condado, Cristina Fernández Davila, recibiu o apoio de todos os grupos parlamentarios.

“É unha necesidade vital dispoñer dunha N-120 en boas condicións para unha mellor comunicación e mobilidade entre todos os concellos e o resto da comarca, servindo de enlace comercial, laboral ou para trámites e servizos administrativos coas localidades cabeceira de comarca, Ponteareas e a Cañiza”.

Salientou que, salvo algunha medida puntual con semáforos en puntos conflitivos, o cambio de iluminación led nalgún tramo ou autorizacións puntuais para que os concellos dotasen  dalgunha seguridade a zonas moi perigosas, como o Instituto do Barral en Ponteareas, son medidas “insuficientes e supoñen o comezo dun despropósito. O mantemento dos preto de 30 km da N-120 é mínimo”, afirmou, aclarando que este se limita ao parcheo en frío das fochancas e o rozado nas marxes da mesma.

Segundo indicou a deputada, o Ministerio de Transportes anunciou a comezo deste ano a exposición pública do proxecto modificado da mellora da seguridade viaria entre Ponteareas e O Confurco, nun tramo de cinco km considerado un punto negro pola Administración Central e que ten pendente ao concello da súa licitación. Pero en vista da demora que leva este proxecto nos últimos anos, Davila advertiu que “é preciso que se realice de xeito urxente debido ás numerosas fochancas e buratos que fan intransitable algúns dos seus tramos máis utilizados”.

Na súa intervención na Comisión 2ª, de Ordenación Territorial, Obras Públicas e Medio Ambiente, a deputada da comarca puxo de exemplo a situación da nacional ao seu paso por Ponteareas, pola que pasan a diario uns 17.000 vehículos, producindo un desgaste enorme no seu firme, que, dixo, “leva décadas con parches”.

Do mesmo xeito, considera preciso mellorar a seguridade viaria e peonil nas zonas con vivendas entre Ponteareas e San Lourenzo de Oliveira, nas parroquias de Meirol e Vilasobroso en Mondariz; en Covelo, ao seu paso pola Lamosa e Paraños, ou na Cañiza e nas súas parroquias de Petán e Oroso. Son ademais vías situadas en zonas nas que está aumentando o número de persoas que saen a facer exercicio a diario, nunha contorna rural na que se vive en contacto directo coa natureza, engadiu.

No caso do Concello do Covelo, a N-120 é a única ruta alternativa cando o túnel do Folgoso está pechado, polo que estas parroquias “deben estar dotadas de rotondas, pasos de peóns, pintura reflectante no firme e os camiños ben pechados para que os animais non invadan o vial”, reclamou.

Tamén na Cañiza é fundamental dotar de seguridade a saída da Casa da Cultura no seu acceso ao vial estatal, así como habilitar sendas ou beiravías que permitan a mobilidade entre os distintos núcleos habitados.

É por iso que, ademais do arranxo do firme da N-120 entre Ponteareas e a Cañiza, na iniciativa do BNG pedíase avanzar na mellora do tramo entre Ponteareas e Confurco, así como da variante entre a A-52 e a N-120 na mesma vila, para reducir a intensidade de tráfico na estrada estatal. Tamén se demandaba o inicio dos proxectos restantes, dotando de rotondas, sendas peonís ou beiravías con mellor iluminación, pasos de peóns, ou sinalizacións horizontal reflectora entre o centro de Ponteareas e a Cañiza.

Cristina Fernández Davila quixo rematar a súa intervención agradecendo o traballo da Plataforma veciñal que defendeu estas melloras e lembrou o seu manifesto onde a veciñanza deixou moi claro que se trata da “derradeira carta pacífica da baralla” e que, a partir de agora, esixirán responsabilidades a quen proceda. A deputada da comarca concluíu engadindo que o que se votase hoxe no Parlamento vai “dar unha responsabilidade a todas nun futuro inmediato”.

Unanimidade en Ponteareas

Todos os grupos políticos da corporación de Ponteareas, tanto os que forman o tripartido como os da oposición, mostráronse unidos aos intereses dos veciños e das veciñas que, a través da Plataforma, reclaman unha solución para esta estrada na que se rexistraron numerosos accidentes con consecuencias tanto para as persoas conductoras como para os peóns.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS