miércoles, enero 22, 2025
InicioNewsRueda destaca a hospitalidade de Galicia e aposta por seguir reforzando o...

Rueda destaca a hospitalidade de Galicia e aposta por seguir reforzando o turismo dentro da sostibilidade

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a hospitalidade como un dos principais valores do turismo galego e apostou por seguir reforzando, dentro dos parámetros da sustentabilidade, un sector que xera riqueza e emprego: actualmente representa o 13% do PIB e 130.000 empregos.

Así o puxo en valor esta mañá durante a súa participación na presentación sobre a Comunidade que se organizou no espazo institucional que ten Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), baixo o lema Galicia, terra acolledora. Neste acto, no que tamén interveu o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, o titular do Executivo galego estivo acompañado tamén por rexidores municipais, membros do Goberno galego e profesionais do sector turístico.

Na súa intervención, Rueda puxo en valor que os galegos teñen demostrado ao longo dos anos ser “xente acolledora” nunha comunidade de “portas abertas” na que “todo o mundo é benvido”. Un espírito que, segundo sinalou, aínda se mantén, tal e como demostran os datos da última Enquisa de residentes elaborada por Turismo de Galicia que reflicte que ao redor do 90% dos galegos valoran o turismo de forma positiva ou moi positiva.

Esta hospitalidade contribúe a consolidar a Galicia como un destino turístico de primeiro nivel: ao longo do ano pasado recibiu máis de 7 millóns de turistas -datos ata novembro- e case medio millón de peregrinos, unha cifra récord. Uns visitantes que, en palabras do presidente, “hai que tratalos como merecen” para que “sigan elixíndonos”.

Cómpre destacar nestas cifras que o turismo internacional ten cada vez un peso máis relevante  e, a día de hoxe, representan o 31% dos viaxeiros e o 58% dos peregrinos; ademais de que os fluxos están cada vez máis desestacionalizados, co 60% da demanda fóra da tempada alta.

Rueda salientou, ademais, os innumerables atractivos de Galicia como destino que provocan que o visitante teña “unha experiencia inesquecible”. Isto é así grazas á ampla oferta de turismo cultural, rural, de praia, termal ou enogastronómico; e é quen de facelo en diferentes puntos de territorio, o que contribúe ao modelo de sustentabilidade que promove o Goberno galego.

Por último, recordou que en apenas dous anos se celebrará o Xacobeo 2027, para o que “hai que empezar a traballar xa”, especialmente tendo en conta o éxito do anterior dobre Ano Santo. Neste sentido, o presidente da Xunta apuntou á importancia do Camiño de Santiago como un “eixo que nos beneficia a todos”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS