lunes, enero 20, 2025
InicioComarcasBaixo MiñoO BNG tilda de "despropósito" o derrubo dunha casa para abrir a...

O BNG tilda de «despropósito» o derrubo dunha casa para abrir a rúa Ourense en Tui

O Concello de Tui comezou unha das obras máis importantes para a reordenación do tráfico na cidade, coa apertura da rúa Ourense desde a Avenida da Concordia. Esta actuación obriga a demoler tres vivendas, algo sobre o que non está de acordo o BNG, que fixo público o seu rexeitamento ao derrubo da casa da finca Patazumba coa colocación dunha pancarta na que se pode ler “NON Á DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO. PSOE de TUI CULPÁBEL!!”.

“Non se entende que se derrube uns fantásticos bens patrimoniais como estes para encher o espazo de construcións de cemento e construír unha rotonda. Seguindo os criterios europeos, tanto de rehabilitación, rexeneración con sostenibilidade territorial, como pode ser o proxecto da Axenda Urbana, derrubar todo este espazo, ou o que queda del, para dar cabida a monstros de cemento, é todo un despropósito”, cren desde o BNG de Tui.

“Na nosa opinión, a finca Patazumba tiña que ser de utilidade pública, pasando o seu futuro pola restauración coidadosa, que poña en valor cada elemento deste lugar”, insisten os nacionalistas, propoñendo como alternativa a saída da rúa Ourense pola rúa Mártires de Sobredo. “Hai espazo suficiente para unha rotonda e temos alternativas para entrar e saír, facendo incluso vías únicas polas dúas rúas paralelas”, propoñen, apuntando tamén que “se pode estudar que o trazado final da rúa Ourense vire suficientemente á dereita ou esquerda para rodear o espazo a protexer”.

A pesar da oposición do BNG, o goberno municipal segue adiante coa súa folla de ruta e, se non existen complicacións, as obras estarán rematadas en tres meses. Estas superan o millón de euros y contemplan, ademais da demolición de tres vivendas centenarias, o desprazamento dun hórreo, tamén centenario e catalogado como Ben de Interese Cultural. Este só se moverá tres metros con respecto á súa posición original.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS