lunes, enero 20, 2025
InicioNewsComarcasGRI de Ponteareas aplica o terceiro ERTE nun ano: "A situación é...

GRI de Ponteareas aplica o terceiro ERTE nun ano: «A situación é peor que con Ganomagoga»

A práctica totalidade do cadro de persoal de GRI Renewable Industries en Ponteareas atópase en ERTE dende o pasado 1 de xaneiro. Así o vén de informar o sindicato CIG nun comunicado no que apuntan que se «trata do terceiro que a compañía aplica dende que en decembro de 2023 subrogara o persoal da antiga Ganomagoga». A medida, que se prolongará até o vindeiro 27 de abril, afecta a todo o departamento de fabricación (45 persoas), permanecendo na empresa 5 operarios de mantemento e 1 técnico.

Dende a representación sindical -tres delegados de persoal da CIG- denuncian a negativa da dirección a negociar as condicións dun ERTE que suporá 61 días de afectación para cada persoa traballadora, “xa que o que fan é impoñer o que chega de GRI Towers do Carballiño”. 

O que está a acontecer na empresa dende o cambio de propiedade ten sumido o cadro de persoal nun estado de frustración. “Sentímonos enganados, pois falóusenos dun proxecto ilusionante; pero a situación é peor que a que tiñamos en Ganomagoga, que até dar en quebra garantiu traballo ano tras ano durante o seu medio século de vida”.

Pero GRI, nada máis asinar a adquisición de Ganomagoga, comezou coa aplicación dun ERTE por causa de forza maior, ao que seguiría de xeito concatenado un ERTE ETOP antes de comezar coa actividade produtiva. “Agora, só oito meses despois de iniciar a construción de torres eólicas nas naves de Areas, volve mandarnos para casa”, lamentan. E iso que até o pasado mes de abril non se incorporou a última persoa traballadora do ERTE anterior. 

“GRI, que nestes meses se caracterizou polo seu trato desprezativo e as súas actitudes con pretensións intimidatorias cara a representación sindical, aprovéitase dunha lexislación que permite o lucro empresarial a costa da clase traballadora”, denuncian. Até o punto de que os delegados de persoal non recibiron ningunha da documentación solicitada á que teñen dereito.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS