viernes, enero 17, 2025
InicioNewsConcellos +Salceda analiza a situación municipal da violencia de xénero

Salceda analiza a situación municipal da violencia de xénero

O Concello de Salceda acolleu a Mesa Local sobre Violencia de Xénero, presidida pola Alcaldesa, Loli Castiñeira, e con asistencia de Mª Xosé Rodríguez, responsable da unidade de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Roberto Barba, Director Xeral de loita contra a violencia de xénero da Xunta de Galicia, representantes da corporación municipal, Garda Civil e Policía Local. A xuntanza contou ademais con representación do tecido social, educativo e sanitario do Concello, con entidades e asociacións que teñen unha participación activa no eido da igualdade e da loita contra a violencia machista: os tres centros de ensino públicos, o centro de saúde, os departamentos de servizos sociais e atención temperá, a asociación de mulleres rurais Caselas, a ACDE Treze-Catorze e a Asociación Veciñal Santo Tomé.

A Alcaldesa, Loli Castiñeira, agradeceu a presenza dos diferentes colectivos, lembrando que “a loita contra a violencia machista é unha cousa de todos e todas. Para acabar con esta lacra é imprescindible contar coa sociedade; temos que facerlles entender aos maltratadores que non hai lugar para eles en Salceda nin en ningún sitio”.

A Alcaldesa aproveitou tamén para agradecer a labor dos corpos de seguridade do Estado, nomeadamente Policía Local e Garda Civil, por estar sempre a disposición do Concello neste e noutros temas importantes.

Na Mesa, por parte da Subdelegación do Goberno, deuse lectura do informe municipal sobre a situación da violencia de xénero en Salceda de Caselas. O informe ofrece unha situación sen casos de alto risco no noso Concello. Reflíctese no mesmo un incremento do número de denuncias presentadas, que se asocia en principio, non con un aumento dos casos, senón con unha maior visibilización da problemática e un aumento das vítimas que se animan a dar o paso e denunciar.

Selene González, Concelleira de Igualdade, quixo lembrarlle ás vítimas que “non están soas; a sociedade e por suposto o equipo de goberno e o conxunto da corporación estaremos aquí sempre para tender a man que precisen, convencidas de que Salceda seguirá a ser exemplo das políticas feministas e a loita contra a violencia de xénero.

Salceda forma parte do protocolo Viogén dende xaneiro do 2018, sendo o primeiro Concello da provincia en renovar a súa adhesión ao mencionado protocolo en febreiro de 2021. Este sistema, pertencente ao Ministerio do Interior, permite aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaria, facer predición do risco e realizar un seguimento e protección ás vítimas en todo o territorio nacional. Ademais efectúase un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do «Subsistema de Notificacións Automatizadas», cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.

Precisamente por formar parte do sistema Viogén, o Concello de Salceda recibe cada ano máis de 10.000€ dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destinándoo a diferentes campañas e programas de visibilización e apoio ás vítimas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS