O Concello de Ponteareas participou na xornada de presentación das axudas en materia de residuos municipais que se celebrou en Santiago de Compostela. O Concello asistíu convidado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático como caso de éxito na implantación da xestión de biorresiduos e quinto contedor.
O 2º Tenente de Alcaldesa e Concelleiro de Residuos Sólidos Urbanos, Jesús Cao, participou acompañado da mestra composteira para expor a xestión realizada e guiar ao resto dos concellos participantes explicando dende a redacción do procedemento realizado ao traballo realizado en campo.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosa a súa satisfacción por esta participación que “é un exemplo máis de que imos polo bo camiño, de que a nosa vila pode liderar proxectos innovadores, do compromiso que temos coa mellora da calidade de vida das persoas e do proceso de actualización e modernización que estamos executando en todas as áreas”.
Ponteareas relatou para o público asistente o seu proxecto “Implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia) grazas ao que se evita a emisión de ata 7 tn de CO2 no centro urbano.
No marco deste proxecto o Concello traballa xa con 300 voluntarias que dispoñen dunha chave electrónica de acceso aos contedores marróns no que depositan os restos orgánicos pero a participación está aberta a todas as persoas que se queiran sumar. Estes usuarios dispoñen dun kit de cubo e bolsas compostables entregadas polo Concello ademais de formación impartida pola mestra composteira para facilitar unha participación eficaz e efectiva.
O Concello implantou o modelo de recollida tipo 1 (5 fraccións) con sistema de colectores abertos en superficie en vía pública para a fracción resto, fracción envases lixeiros, vidro e papel e cartón, e colectores con control de acceso para fracción orgánica. Para a materialización deste proxecto repartíronse polo centro urbano 20 colectores de carga lateral con volume de 2.000 litros con instalación de sistemas de control de acceso con apertura electrónica e cóntase con cubos aireados de 10 litros para uso doméstico, cubos non aireados de 40 litros para uso de grandes produtores, bolsas compostables mater-bi para uso doméstico; bolsas compostables de papel para uso doméstico e bolsas compostables mater-bi para grandes produtores.
O proceso acompañouse dunha importante campaña de difusión na que promover a participación voluntaria na recollida separada de biorresiduos e logo formar ás persoas participantes ás que tamén se lles entregaron os folletos informativos. A campaña de difusión supuxo a realización de accións de presentación do proxecto a pé de rúa por técnicos especialistas na materia contando con dúas persoas que, uniformadas coa imaxe do proxecto, baixa a carpa do proxecto sensibilizaron, concienciaron e deron de alta ás familias usuarias en tempo real.
Jesús Cao anima a participar neste proxecto que beneficia a toda a cidadanía e supón un compromiso coa mellora medioambiental non só da vila senon tamén do planeta. “Todos podemos ser parte activa na mellora e por iso promovemos a participación da cidadanía, indispensable para chegar a se exemplo para outros concellos”. Informa ademais que ao longo de todo o ano está aberta a nova incorporación de persoas colaboradoras que tan só debe enviar un correo electrónico solicitando a participación ao enderezo medioambiente@ponteareas.es .