A parroquia de Pereiras vén de manifestar na reunión informativa o seu rexeitamento á nova A52, que suporá unha enorme afección a todo o monte comunal da parroquia, alarmada polo novo trazado da autovía A52 proposto polo Ministerio de Transportes e Mobilidade do Goberno de España que afecta dun modo moi importante ao territorio mosense.
A proposta actual afectará, ademais da xestión autónoma do monte en man común de Pereiras, tamén un elevado número de traídas de augas da parroquia, polo que a reunión serviu para dar a coñecer o proxecto e as afeccións, así como para coordinar e facilitar a presentación de alegacións ó proxecto e outras accións.
En xornadas anteriores celebráronse encontros informativos coas parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga. De igual modo, dende o Concello adiantan que están a traballar para convocar novos encontros nas demáis parroquias mosenses que se verán afectadas por proximidade.
As próximas reunións previstas serán o 22 de xaneiro nas parroquias de Mos e Louredo, que terá lugar no Pazo de Mos, o 27 de xaneiro no Centro Dotacional de Torroso para as parroquias de Torroso, Guizán e Dornelas e o día 28 de xaneiro para a parroquia de Cela no local da asociación Celado. Todas elas terán lugar ás 20:00h.
Dende o Concello instan á veciñanza a solicitar toda a información que precisen e recordan que na páxina web do Concello poden consultar e descargar toda a información e documentación sobre o proxecto do novo trazado da A52.