A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, Silvia Fdez. Táboas, asistíu no tradicional sorteo público para a pesca nocturna de lamprea nas estacadas do río Tea organizada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O director territorial, Nico Montes, xunto aos técnicos da Consellería e os axentes medioambientais procederon ao sorteo de 48 postos sinalizados que van dende a ponte do ferrocarril da Fillaboa, en Salvaterra de Miño, á Moscadeira.
Na casa do pescador da Freixa realizouse este proceso que dende o ano 1994 sigue o procedemento de sorteo público e que permitirá a pesca de lamprea dende o 1 de febreiro ao 15 de maio.
O director territorial destacou que a pesca da lamprea non só é unha actividade económica importante para o Baixo Miño e o Condado Paradanta “tamén forma parte da nosa cultura e tradicións locais. Os pescadores, co seu coñecemento transmitido de xeración en xeración, contribúe a manter viva esta práctica ancestral e a conservar a riqueza natural da comarca”. Por esta razón cada ano se establece un réxime especial para a pesca da lamprea co obxectivo de acadar un aproveitamento específico e organizado. A concelleira de Medio Ambiente agradeceu o convite e salientou a importancia de cumprir os regulamentos para garantir o equilibrio natural, “respectar os procesos biolóxicos é fundamental para que esta tradición se manteña viva e para que a lamprea poida seguir sendo unha da nosas riquezas. Por iso a semana que ven o GDR Terra e Auga presentará en FITUR o Club da Lamprea”.