O Claustro da Catedral de Tui acollerá esta fin de semana a X Mostra da Camelia organizada por ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia, coa colaboración do Concello de Tui xunto a outras entidades.
Setenta e cinco expositores de Galicia, Portugal e Asturias presentarán gran variedade de camelias e outros produtos relacionados con esta flor, na que é a segunda cita do calendario anual de mostras da Sociedade Española da Camelia.
O acto inaugural terá lugar ás 12.30h contando coa intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do deputado provincial Roberto Carrero, da presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, da vicepresidenta da Internacional Camellia Society, Pilar Vela, do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, do concelleiro de Turismo do concello de Valdés en Asturias, Ismael González Suárez, do presidente de ATUCA, José Carlos Montes, e do deán da Catedral, José Diéguez Diepa.
O sábado ao mediodía contarase coa actuación do grupo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui e o domingo antes do peche da mostra a Rondalla de Pexegueiro realizará un pasarrúas polo centro urbano e rematará actuando na praza de San Fernando.
O horario de visita será o sábado de 16:30h a 20:30h e o domingo de 10:00h a 14:00h e de 16:30 h a 20:00h. Este será o cuarto ano en que a Mostra da Camelia se celebra no claustro catedralicio, «sendo un evento único ao celebrarse nun espazo tan singular coma este» aseguran dende o goberno local.