A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á primeira semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa en nivel baixo aínda que con tendencia crecente.
Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria aumentaron un 107 % con respecto da semana previa e fica en 73,4 consultas por 100.000 habitantes. O incremento obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 20 a 59 anos. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior en todas elas, destacando a área sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras.
O Plan sanitario de inverno da Xunta desta temporada recolle de forma innovadora a vixilancia epidemiolóxica a través das achegas dunha rede de farmacias sentinela. Desta forma, os datos remitidos á Dirección Xeral de Saúde Pública reflicten que as taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos minguaron respecto da primeira semana do ano 2025.
En canto aos ingresos hospitalarios, na semana do 6 ao 13 de xaneiro de 2025 ingresaron 150 persoas con gripe confirmada, isto é un 27 % máis que a semana anterior.No que vai de temporada da gripe notificáronse 481 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
A Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda o emprego da máscara aos pacientes con síntomas respiratorios e aos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.
O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que a razón de casos por médico de covid-19 mantívose estable mentres que a taxa de consultas aumentou un 18,4 %.
Pola súa banda, no que atinxe ao Virus Respiratorio Sincitial (VRS) a taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 1,6 ingresos por 100.000 habitantes, un dato inferior ao da semana pasada (3,8 ingresos por 100.000 habitantes).