miércoles, enero 15, 2025
InicioNewsConcellos +O Porriño aposta pola modernización das súas infrastructuras deportivas

O Porriño aposta pola modernización das súas infrastructuras deportivas

O Concello do Porriño anuncia o inicio dunha importante intervención no pavillón do CEIP Fernández López mediante a execución dun proxecto que busca transformar estas instalacións deportivas en espazos modernos, accesibles e plenamente adaptados ás necesidades da comunidade escolar e da veciñanza.

Xa están en marcha as reformas no pavillón deste centro escolar cunha intervención promovida no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) da Deputación de Pontevedra. Con un investimento total de 157.086,58 €, as actuacións teñen como obxectivo modernizar e mellorar a accesibilidade das instalacións deportivas, beneficiando tanto ao alumnado como á veciñanza do Porriño.

As melloras previstas inclúen unha ampla serie de intervencións. O pavillón será ampliado para que o terreo de xogo cumpra coas medidas regulamentarias, permitindo deste xeito albergar competicións oficiais de baloncesto, balonmán e tenis. Tamén se construirá un baño adaptado para persoas con mobilidade reducida, garantindo a inclusividade de todos os usuarios.  As actuacións destinadas á accesibilidade contemplan a instalación de novas rampas, pasamáns e barandas, facilitando o acceso a todas as persoas.

Ademais, a reforma exterior incluirá medidas para previr humidades e a incorporación dunha varanda de vidro que mellorará a seguridade nas instalacións. Finalmente, crearase unha extensa zona verde de 800 m², que complementará o contorno escolar cun espazo atractivo para o lecer e a convivencia.

O financiamento desta obra está repartido entre a Deputación de Pontevedra, que achegará o 77% do orzamento cunha contribución de 120.974,93 €, e o Concello do Porriño, que asumirá os 36.111,65 € restantes. Este esforzo compartido subliña o compromiso conxunto por mellorar as infraestruturas deportivas da localidade.

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destacou a importancia desta obra, afirmando:

«Esta é unha obra moi necesaria para que o alumnado do CEIP Fernández López e o resto da veciñanza dispoñan de instalacións deportivas modernas, accesibles e axeitadas para competicións oficiais. Seguimos traballando por un Porriño máis inclusivo e preparado.”

Estas melloras non só beneficiarán ao alumnado do CEIP Fernández López, senón que tamén proporcionarán instalacións deportivas modernas e accesibles para toda a veciñanza, fortalecendo o benestar comunitario.

As ditas actuacións reforzan o compromiso do Porriño coa mellora das infraestruturas locais, garantindo espazos de calidade para a práctica deportiva e o lecer. Con iniciativas como esta, o Concello segue avanzando para construír un Porriño máis inclusivo, moderno e preparado para as necesidades da súa cidadanía.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS