O Concello de Ponteareas vén de realizar a entrega de placas ás traídas de augas beneficiarias das axudas da Xunta de Galicia do ano 2024. Do mesmo xeito, no acto tamén se presentou a nova liña de axudas que a Xunta destina a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia para este ano vixente.
O acto, celebrado no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas, contou coa participación do tenente de alcaldesa, Juan Carlos González Carrera; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.
En total, foron «máis de 100.000 euros os que outorgou a Xunta de Galicia no ano 2024 para invertir nas traídas de augas de Ponteareas» aseguraba Juan Carlos González Carrera, tenente de alcaldesa durante a súa intervención.
En concreto, as comunidades de auga que resultaron beneficiarias e recibiron parte desta subvención co fin de mellorar as súas instalacións foron as traídas de Picouto, Usuarios Fonte da Vida, San Lourezo de Arnoso, San Jorge, Chan da Gándara, Augas de Fozara, San Lourenzo de Oliveira, Ribadetea e Bouzalonga.
Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, anunciou durante a súa intervención a publicación no Diario Oficial de Galicia da nova liña de axudas que destina a Xunta ás asociacións veciñas e comunidades de usuarios de augas, entre outros, para este ano 2025 co fin de «contribuir a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal».
As axudas poderán ser presentadas a partir do 16 de xaneiro, nun prazo dun mes, a través da páxina web da Xunta de Galicia.
Finalmente, a alcaldesa do municipio, Nava Castro, quixo agradecer o apoio recibido por parte da Xunta para a «creación e modernización de infraestruturas así como das axudas e subvencións deseñadas para xerar emprego e mellorar o tecido asociativo da vila».