O Concello de Ponteareas aprobou hoxe nun pleno extraordinario sancionar á empresa que presta o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Por unanimidade de todos os grupos da Corporación, acordouse a incoación dun expediente sancionador e imposición de penalidades á entidade adxudicataria «polo reiterado incumprimento das condicións do contrato», segundo apuntan desde a administración local.
O concelleiro de Facenda, Francisco J Represas, explica que ante as deficiencias detectadas e comprobadas na xestión das súas obrigas e as queixas das familias usuarias, ábrese un expediente sancionador a Aralia Servicios Sociosanitarios por 7 faltas graves e 2 moi graves cun importe de sanción económica de 52.500 euros. Ademais a apertura deste expediente sancionador permite ao goberno municipal impor outro tipo de sancións como a incautación da garantía por importe de 53.433,60 €.
Esta medida permitirá ao Concello que, ante a urxencia e necesidade social, poida proceder á contratación de servizos ou medios que garantan unha prestación axeitada mentres non remata o novo proceso de licitación. “Dende que no mes de decembro recibimos as primeiras queixas dos usuarios activamos todos os procesos dos que dispón o Concello para comprobar si se está prestando o servizo conforme ao contratado. Abrir o expediente sancionador é indispensable e a ferramenta para solucionar”.
“Agradecemos o apoio de todos os grupos da Corporación. O desexo do Goberno local non é, en ningún caso, ter que chegar nunca a unha situación coma esta, nin ter a necesidade de sancionar a ningunha das empresas suxeitas a contratos municipais, pero é importante que quede claro que as políticas sociais e as personas en situación de vulnerabilidade son a nosa prioridade”.
A empresa atende o SAF dende o ano 2023. Na actualidade 80 persoas reciben asistencia nos seus fogares sen saír da súa contorna habitual. O concelleiro traslada ás familias que «esta situación está en vía de solucións e o seu compromiso por resolvela na maior brevidade posible».
Unanimidade do pleno
Os grupos da oposición, BNG, PSOE e Ponteareas en Común, votaron a favor deste expediente sancionador. Con todo, criticaron que se levara este asunto a un pleno extraordinario e de urxencia posto que «isto se podía prever».
Así, o voceiro de Ponteareas en Común, Manoel Ucha, indicou na sesión plenaria que «a empresa do SAF é unha caradura» e que «as empresas adxudicatarias do SAF son unhas caraduras porque se están lucrando e obtendo beneficios millonarios acosa das traballadoras e acosta do mal servizo aos usuarios e as usuarias». Incidiu en que «estamos falando de atención á dependencia, que é o servizo máis importante que ten o Concello de Ponteareas».
Pola súa banda, a voceira socialista, Vanesa Fernández, apuntou que «queda claro que o que berraban as traballadoras do SAF era verdade». Refiriuse a que «era certo que non había coordinadora e que non se cubrían as vacacións». Soliciataron os socialistas que «se escoiten as traballadoras».
O voceiro do grupo líder da oposición, o nacionalista Miguel Bouzó criticou que «as traballadoras son as que padecen a precariedade laboral, poñen a cara polos compromisos adquiridos polos empresarios, que converten en negocio o dereito a unha vellez digna».
O tenente da alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, foi o encarado de dirixir a sesión plenaria e apuntou que «non pode ser que unha empresa se presente a un concurso e logo non cumpra polo que temos os cauces necesarios para que o expediente remante nun expediente sancionador».