A Deputación de Pontevedra vén de presentar unha campaña de promoción de destino turístico Rías Baixas inédita na que o interior da provincia é o protagonista principal. Entre os protagonistas, atópase a banda de música Unión de Guláns, entre outros atractivos dos demais municipios da provincia que teñen que ver coa cultura. No vídeo, aparecen algúns dos músicos desta parroquia de Ponteareas e, nun primeiro plano, a súa directora, Alicia Porto, realizando un saúdo en forma de corazón.
Así, baixo o lema “Cando volves?”, o proxecto busca poñer en valor as experiencias e atractivos turísticos dos 61 concellos da provincia para convidar a todo o mundo a desfrutar «dun destino sustentable, desestacionalizado e descentralizado», segundo apuntou o presidente Luis López.
“O regato, o val e o prato do interior é tan Rías Baixas como a ría, a illa ou a batea da costa. Todo forma parte desta provincia extraordinaria, e merece ser atendido en igual proporción. Así que tras gravar en corenta localizacións, 23 concellos, e 100% enclaves de interior, presentamos hoxe unha viaxe colectiva de hospitalidade, afecto, raíces, sustentabilidade e equilibrio territorial que nos fai sentir moi orgullosos”, explicou o mandatario provincial o sentido dunha campaña presentada este martes no xardín do hotel Numa Experimental de Tomeza, en Pontevedra, nun acto no que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro.
Por primeira vez, a Deputación presenta o contido da súa campaña de promoción do destino turístico Rías Baixas na provincia —a vindeira semana presentarase na Feira Internacional de Turismo de Madrid—, nunha xornada que comezou coa proxección dun vídeo producido por Esmerarte baseado en imaxes de lugares e experiencias propias do interior da provincia, como a observación de estrelas, unha xornada de baño nun río ou a tradición do magosto; que rematou desvelando o slogan da campaña: Cando volves?. Logo, a presentadora do acto, Noa García, convidou a subir ao escenario á deputada de Turismo, Nava Castro; e ao vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, Alfonso Martínez. Así mesmo, a chelista Margarida Mariño foi a encargada de poñer a nota musical ao acto, no que tamén participaron a artesá Olalla Lojo e a astrónoma Mónica Pereira. Na presentación da campaña estiveron tamén presentes os vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez, así como outros membros do goberno provincial.
“O interior é o gran descoñecido, aínda que cada vez menos. Temos un interior único, con recursos patrimoniais e artísticos de primeiro nivel e tamén con recursos naturais que nos levan a gozar de ríos ou carballeiras, así como de produtos estrela desta provincia, como os percorridos a carón da camelia, a flor das Rías Baixas ou rutas como o Camiño Taverneiro. Recursos aos que hai que engadir as nosas xentes, que tamén son protagonistas desta campaña”, salientou a deputada.
Neste sentido, o presidente Luis López fixo fincapé en que o enfoque da campaña turística impulsada este ano pola Deputación é completamente novidosa. “Nunca antes a Deputación presentara a súa campaña en casa antes de facelo fóra, nunca antes se fixera unha campaña onde o anfitrión fóra tan protagonista como o visitante, nunca antes unha campaña provincial decidira cambiar completamente o mar das Rías polo mar de beleza e sensacións do interior e nunca antes se lanzara unha campaña onde se vira con tanta claridade que as Rías Baixas están compostas por 61 concellos”, afirmou o dirixente.
Liderado
No acto de presentación, o ente provincial puxo en valor que se trata «dunha campaña de promoción do destino que casa á perfección coas liñas da Estratexia Rías Baixas Turismo 61 posta en marcha pola Deputación o pasado verán co obxectivo de reforzar o liderado turístico dunha provincia que é a máis visitada de Galicia e a favorita do norte de España» e que «acapara a atención do turismo estranxeiro, que medra nun 25 % e no que un de cada tres visitantes procede de fóra das nosas fronteiras; ou que segue avanzando na desestacionalización a través de programas novidosos e de éxitos como o Lecer en Familia», en referencia aos datos de visitantes de xaneiro a novembro do 2024.
Vídeo promocional