O Concello de Allariz aprobou en pleno o pasado 30 de outubro a nova ordenanza que regula as taxas de recollida de lixo. Esta normativa introduce importantes novidades que buscan adaptarse ás necesidades das vivendas e das actividades económicas, así como dar cumprimento á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. Ademais, a medida responde ao significativo incremento dos custos impostos por SOGAMA, que durante o 2024 pasou de cobrar 56,01 €/t en 2023 a 66,01 €/t no primeiro semestre de 2024 e 88 €/t no segundo semestre de 2024, o que representa un impacto estimado de 50.000 € adicionais no orzamento municipal para a xestión de residuos. Para o 2025, SOGAMA anunciou unha nova subida, situando o custo por tonelada en 108 €/t. Estes incrementos fan necesario un axuste nas taxas para garantir a sostibilidade do servizo.
Como parte das medidas incluídas na nova ordenanza, o Concello ofrece unha redución do 15% na taxa para aquelas persoas ou establecementos que realicen unha recollida selectiva adecuada da fracción orgánica ou opten por facer compostaxe tanto comunitario como individual, fomentando así prácticas sostibles.
Principais novidades:
1. Novas tarifas para vivendas:
- Vivendas urbanas (recollida 3 ou máis días á semana): 88€ (cota estándar) e 74,80€ (cota reducida).
- Vivendas con recollida 1 ou 2 días á semana: 70€ (cota estándar) e 59,50€ (cota reducida).
2. Tarifas para actividades económicas:
As taxas varían segundo a tipoloxía, superficie e frecuencia de recollida.
- Alimentación: Inclúe panadarías, supermercados, etc. Cotas entre 150 € e 1900 € dependendo do tamaño.
- Aloxamento: Hoteis, hostais, campings, etc. Cotas entre 190 € e 1150 € segundo a superficie.
- Restaurantes e bares con cociña: Entre 360 € e 1120 €.
- Bares sen cociña, cafetarías e pubs: Entre 180 € e 940 €.
- Oficinas e servizos profesionais: Cotas entre 95 € e 540 €.
As tarifas aumentan coa superficie en todas as categorías.
3. Redución do 15% na taxa para recollida selectiva:
O Concello de Allariz propón unha redución do 15% na taxa para aquelas persoas ou establecementos que realicen unha recollida selectiva adecuada da fracción orgánica ou opten por facer compostaxe in situ. Esta bonificación busca incentivar prácticas responsables e sostibles, reducindo o impacto ambiental dos residuos.
Como solicitar a bonificación:
Para beneficiarse desta redución, é necesario cumprir co seguinte procedemento:
- Presentar unha solicitude antes do 1 de febreiro de 2025.
- Achegar a seguinte documentación:
- NIF da persoa ou establecemento solicitante.
- Declaración responsable na que se comprometa a realizar a recollida selectiva adecuada (modelo dispoñible no Concello e na Sede Electrónica).
- Documento de autorización de representación, no caso de que o trámite sexa realizado por un representante.
- A solicitude pode realizarse:
- Presencialmente, nas dependencias municipais situadas na Praza Maior 1, Allariz.
- Online, a través da sede electrónica dispoñible na páxina web allariz.gal.
Tanto a ordenanza como o documento de declaración responsable específico para este trámite (taxa do lixo) están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica para consulta e descarga.
Ademais, o Concello poderá realizar inspeccións anuais para verificar a continuidade e a correcta separación da fracción orgánica nos establecementos e vivendas que soliciten a bonificación.
Segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, «con esta nova ordenanza buscamos avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos en Allariz, promovendo a implicación de toda a veciñanza e das actividades económicas na reciclaxe e na redución de residuos. Ademais, aseguramos que o Concello cumpre coa Lei 7/2022, fomentando unha economía circular que protexa o medio ambiente e mellore a calidade de vida de toda a cidadanía. Non obstante, os incrementos de custo impostos por SOGAMA e a Xunta de Galicia representan un gran desafío para o equilibrio económico do servizo, e precisamos o apoio de todas e todos para manter un servizo de calidade e minorar as toneladas de residuos sin separar que van a SOGAMA a incineración ou enterramento.»
A ordenanza municipal está dispoñible para consulta no apartado de Ordenanzas da sección de Administración da páxina web municipal allariz.gal.
Para máis información, pódese contactar co Concello no 988 440 001 ou acudir á Praza Maior 1, Allariz.