Teresa Portela, a piragüista galega e competidora olímpica, ofrecerá este mércores 15 de xaneiro unha conferencia en Tui no marco do ciclo de conferencias organizadas pola Deputación de Pontevedra.
Baixo o nome de “Unha vida olímpica”, a institución provincial e a piragüista olímpica ofrecen un ciclo de conferencias co obxectivo de «levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo«.
A conferencia terá lugar no espazo sociocultural situado na rúa Camilo José Cela ás 11:00 horas, e contará coa asistencia de alumnado do CEIP de Pazos de Reis, o CEIP Plurilingüe nº1, o CPR Santa María e o CPR Seminario Menor Diocesano San Pelayo, así como integrantes do Club de Kayak Tudense. Deste xeito, o aforo do local está completo.
Para a Deputación de Pontevedra «Teresa Portela é un exemplo de constancia, conciliación e igualdade que se converteu en lenda non só polo seu extenso palmarés deportivo, senón polos valores que transmite».
Así, a deportista afondará na súa conferencia sobre a importancia e incidencia dos valores deportivos na sociedade. Tamén dará a coñecer a súa traxectoria deportiva, que a converteu na primeira muller española en participar en sete Xogos Olímpicos, e amosará como os valores deportivos influíron no seu éxito. Ademais, a piragüista analizará a importancia, a relación e a pegada que a contorna da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas deixan na súa carreira.