martes, enero 14, 2025
InicioNewsConcellos +A Biblioteca Municipal de Tui entregou os diplomas á vintena de persoas...

A Biblioteca Municipal de Tui entregou os diplomas á vintena de persoas que máis libros retirou no 2024

A Biblioteca Municipal de Tui fixo entrega, coincidindo co Día dos Usuarios das Bibliotecas, dos diplomas á vintena de persoas, na categoría infantil e adulta, que máis libros retirou en préstamo no 2024. Os lectores e lectoras recoñecidas tamén recibiron un libro como agasallo, nun acto no que participaron o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o persoal do centro bibliotecario tudense.

Ao longo dos últimos doce meses a biblioteca tudense prestou máis de 18.279 exemplares.

Na categoría infantil, o neno que máis títulos retirou ten 11 anos, e leu 287 libros nun só ano. A décima nena que recibiu o diploma ten 8 anos e retirou 116 exemplares.

Dentro da categoría adulta, 110 foron os libros que leu o primeiro, con 69 anos; e 54 títulos retirou o noveno, de 87 anos.

Nun acto que reuniu a maiores e pequenos cunha grande paixón pola lectura, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reflexionou sobre a “gran responsabilidade que teñen as familias de inculcar aos nosos fillos e fillas o hábito pola lectura, nun contexto complicado onde o dixital absórbeo todo”. Destacou ademais “o servizo que presta este espazo, que potencia aínda máis este hábito”.

Recoñecemento a Ramón Amado

A Biblioteca Municipal recoñeceu tamén hoxe o labor de Ramón Amado pola súa contribución desinteresada ao bo funcionamento da Casa dos Libros Orfos, situada na praza da Inmaculada. Nun dos antigos quioscos da praza habilitouse o ano pasado un espazo de intercambio de libros que conta con gran acollida pola cidadanía.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS