A empresa que se dedica ao sector da pedra e que se localiza no municipio do Porriño, Levantina, deixará de producir. Así o veñen de denunciar os sindicatos de UGT, CCOO e CIG nunha rolda de prensa na que advertiron que «pretenden converter a fábrica nun simple almacén». De feito, o representante da CCOO, Fran Estévez, insistiu en que «queren facer negocios cos terreos e tamén cos despidos».
Así, comeza a conta atrás para que os tres sindicatos negocien coa empresa o Expediente de Regulación de Emprego que afecta a 95 familias de traballadores que levan o seu labor no municipio do Porriño. No cado de persoal, hai un total de 116 operarios. Neste contexto, o presidente de UGT Vigo, Rubén Pérez, indica que «a planta é viable» e que «é posible seguir producindo, só hai que atopar un empresario que aposte realmente pola actividade».
Criticaron tamén que «Levantina marcha de Galicia, deixando tiradas a 95 familias sen facer ningún esforzo por continuar coa actividade». Ademais, piden que as administracións se impliquen neste proceso de negociación que afecta a perto dun cento de traballadores e traballadoras.
Polo de agora, tal e como indicaron os sindicatos na rolda de prensa, «non temos coñecemento de que exista ningún comprador interesado en Levantina» e anuncian que «haberá, próximamente, mobilizacións».