O Concello de Ponteareas vén de entregar os premios do concurso de escaparates que puxo en marcha no mes de decembro co obxectivo de «promocionar o comercio local e contribuír a ambientar as rúas», tal e como indicou a adminsitración local. Así, a tenda de moda infantil Oriente15, que se localiza no centro do municipio, conseguiu o primeiro posto. A tenda Mi Casa, o segundo lugar e o negocio local dedicado á moda de home e de muller Bambo, o terceiro posto.
O xurado estivo presidido pola profesora de arte Soralla Carrera. O artista de Ponteareas Bruno Antonio Vázquez formou parte do xurado como vogal e a empregada municipal Purificación Porto realizou as funcións de secretaria. Sinalaron que no seu percorrido pola vila observaron “comercios con escaparates moi traballados que non se presentaron ao concurso polo que os animamos a facelo”.
En total, vinte comercios participaron nesta iniciativa que a concellería de Comercio desenvolveu en colaboración coa asociación de comerciantes Tea e coa asociación de comerciantes BANASTRA. Ricardo González, concelleiro desta área, sinala a importancia de desenvolver accións transversais que beneficien non só a un sector concreto, tamén ao resto da vila.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, felicitou a todos establecementos participantes e convidounos a seguir unindo forzas para o avance e mellora da vila “porque con cada pequena acción conseguimos grandes logros e devolvemos a Ponteareas o recoñecemento e importancia que se merece”.
Premios
O primeiro premio consistiu nun vale “Hotel + Cea + Experiencia Termal” no complexo do Balneario de Mondariz e o segundo e o terceiro premio nunha sesión spa máis unha masaxe tamén no Balneario de Mondariz.