A 200 metros da Casa do Concello, nun espazo público accesible e chairo, a nova ludoteca ubicarase no parque da Curuxeira na avenida Sarmiento Rivera. Con motivo do comezo inmediato das obras a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, reuníronse coa dirección facultativa para supervisar os últimos detalles.
O Concello acondicionará e ampliará unha edificación de antigüidade superior a 100 anos na que só se intervíu para conservar a estrutura exterior sen contemplar ningunha acción de mantemento ou reparación no seu interior. A intervención terá un custo de 239.527,85 euros que serán financiados co apoio do +Provincia da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.
O goberno de Ponteareas considera imprescindible trasladar a ludoteca, que na actualidade presta o seu servizo nun local da avenida Castelao de apenas 64,80 m2. Adianta a concelleira de Urbanismo que co cambio de local a ludoteca municipal gañará espazo coa construción dun edificio anexo que se sumará ao existente que conta con 136,45 m2.
A nova ludoteca terá un soportal de acceso, unha recepción, un despacho de dirección, aseo para nenas e aseo para nenos ademais dun aseo para adultos adaptado a persoas con mobilidade reducida.
“Trátase de ofrecer un espazo amplo nunha contorna agradable preto de múltiples servizos e, sobre todo, adaptado ás necesidades tanto das nenas e dos nenos como das profesionais que atenden este servizo público. A nova ludoteca estará tamén preto da nova escola infantil facilitando os desprazamentos para as familias e ámbalas dúas en espazos verdes”, explica a alcaldesa.