jueves, enero 9, 2025
InicioNewsA Audiencia da Coruña impón 74 anos e medio de cárcere aos...

A Audiencia da Coruña impón 74 anos e medio de cárcere aos catro culpables de asasinar a Samuel Luiz

A Audiencia Provincial da Coruña, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a un total de 74 anos e medio de cárcere ás catro persoas declaradas culpables do asasinato de Samuel Luiz, cometido na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo da cidade. En concreto, a Diego M.M., ao concorrer a circunstancia agravante de discriminación por motivos de orientación sexual, a maxistrada presidenta, Elena Fernanda Pastor Novo, impúxolle 24 anos de cárcere, pena moi próxima ao máximo legal -25 anos-, que non lle aplica porque o xurado non apreciou a agravante de asañamento. Na sentenza, explica que ponderou a especial gravidade do feito, a intervención directa do acusado, desde o inicio do ataque grupal ata o final, así como “a extensión do mal causado e a súa actitude posterior para coa vítima e a súa familia, mostrando unha absoluta falta de empatía e unha crueldade que merecen un maior reproche penal”.  

Pola súa banda, a Alejandro F.G. condenouno a 20 anos de cárcere, pois explica que a non concorrencia de circunstancias agravantes nin atenuantes determina a imposición da pena na súa metade inferior, o que abarca un arco punitivo que vai de 15 a 20 anos de prisión, do mesmo xeito que no caso de Kaio A.S.C. A maxistrada presidenta advirte “a súa condición de partícipe destacado (ataca a Samuel por detrás, abáteo e tírao ao chan) e a intensidade da súa intervención (propina golpes e impide a defensa e fuxida de Samuel) durante todo o iter criminis, case desde o mesmo principio ata o final”. A Kaio A.S.C. impúxolle un total de 20 anos e medio -17 anos polo asasinato e tres anos e medio polo roubo con violencia-, pois indica que a súa intervención no asasinato “non alcanza a entidade” da de Diego M.M. e Alejandro F.G., de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado. E, por último, a Alejandro M.R. condenouno a 10 anos de cárcere, xa que, ao tratarse dun cómplice de asasinato, sinala que procede impoñer a pena inferior en grao que, neste caso, abarca un arco punitivo de 7 anos e medio a 15 anos de prisión.

Á hora de determinar as condenas dos catro acusados declarados culpables, a maxistrada tivo en conta a especial gravidade do feito, a extensión do mal causado, pois afirma que xerou, “ademais da dor moral inherente á perda dun fillo e irmán, importantes padecementos psicolóxicos aos pais da vítima”, e a falta de empatía e crueldade posterior dos condenados para coa vítima, “á que deixaron tirada no medio dunha rotonda, inconsciente e co rostro ensanguentado”, e a súa familia, á que este último feito causou “unha especial penosidade”.

Feitos probados

Na sentenza, a maxistrada presidenta recalca que a vítima, de 24 anos, faleceu como consecuencia dunha agresión grupal, iniciada por Diego M.M., quen se atopaba acompañado pola súa parella no momento dos feitos, Catherine S.B., ao crer que Samuel Luiz, que se encontraba realizando unha videochamada, estaba a gravalos co seu teléfono móbil.

Na resolución, salienta que o Tribunal do Xurado entendeu probado por unanimidade que Diego M.M. interpretou que a vítima era homosexual, chegando a dicirlle: “Deixa de gravar, a ver se te vou a matar, maricón”. Este feito, segundo a resolución, “desencadeou a reacción totalmente agresiva contra Samuel, pola súa animadversión cara á condición sexual homosexual que lle atribuíu”. Así, sinala que, de forma sorpresiva e repentina, “se abalanzou sobre Samuel, golpeándoo con puñadas e patadas, principalmente nas zonas de cabeza e cara”. Alejandro F.G., amigo de Diego M.M., “sumouse á devandita acción de forma inmediata, atacando a Samuel por detrás, rodeándolle con forza o pescozo co seu brazo”.

“En cuestión de segundos, adheríronse de forma progresiva ao ataque un numeroso grupo de amigos e coñecidos dos acusados, que se atopaban nas inmediacións”, asegura a presidenta do Tribunal do Xurado na sentenza. Kaio A.S.C., segundo a resolución, “integrouse no grupo agresor, propinando a Samuel polo menos unha patada”. Pola súa banda, Alejandro M.R. situouse no punto inicial da agresión, sen golpear a Samuel. O Tribunal do Xurado entendeu probado que, actuando en unidade de acción mentres o rodeaban, uns integrantes do grupo, entre os que se atopaba Diego M.M. e Alejandro F.G., golpeaban á vítima, mentres outros, entre os que estaban Kaio A.S.C. e Alejandro M.R., impedían a súa fuxida e dificultaban calquera tipo de axuda ou defensa que puidesen prestarlle terceiras persoas. Samuel Luiz, segundo a sentenza, “se atopaba totalmente indefenso e desvalido debido ao elevado número de persoas que o agredían e rodeaban”. A pesar diso, “nun momento dado e a duras penas”, logrou incorporarse e tentou abandonar o lugar, axudado por dous cidadáns senegaleses, pero foron perseguidos uns 150 metros polo grupo agresor. Finalmente, a vítima caeu ao chan esborrallada e inconsciente, momento no que Diego M.M., Alejandro F.G., Kaio A.S.C., Alejandro M.R. e os demais membros do grupo dispersáronse por diversas rúas.

O Tribunal do Xurado concluíu que Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C. “actuaron representándose como probable a fatal consecuencia do falecemento de Samuel e asumindo o risco que conlevaba a súa acción”, mentres que Alejandro M.R. “coa súa participación activa, auxiliando e facilitando a actuación dos demais acusados”, representou como probable que os constantes golpes que o resto do grupo lle propinaban a Samuel lle podían causar a morte, aceptándoo. Todos eles, segundo a sentenza, “actuaron eliminado as posibilidades de defensa de Samuel”. Ademais, Kaio A.S.C. apropiouse do seu teléfono móbil. Polo tanto, os xurados entenderon acreditado que Diego M.M., Alejandro F.G., Kaio A.S.C. e Alejandro M.R. participaron activamente na agresión grupal mortal, os tres primeiros como coautores e, o último, en calidade de cómplice.

A maxistrada presidenta recalca que os xurados “en ningún momento dan por acreditado que Catherine S.B. participase na agresión, atribuíndolle unha actitude absolutamente pasiva”. Por iso, destaca que consideran que non é culpable, porque “primeiro, tratou de conter a Diego M.M.; despois, tratou de separalo e, aínda que continuou o traxecto da agresión, non o fixo con actos absolutamente necesarios nin auxiliares para o fatal desenlace”.

Motivación do veredicto

A maxistrada destaca que os xurados ponderaron as declaracións testificais, “de evidente forza probatoria”, e que observaron, “de maneira directa e repetidamente”, o vídeo das cámaras de tráfico da praza de Portugal, así como os fotogramas do pub Andén e do vending 24 horas.

Ademais, destaca que os médicos forenses concluíron que a morte foi causada por múltiples agresións, excluíndo “a existencia de golpes singulares determinantes do resultado letal”. Así, segundo consta na resolución, “describiron máis de trinta lesións, que poderían corresponderse con máis de trinta golpes”, facendo fincapé en que cada golpe “amplificaba o efecto do anterior”, polo que concluíron que todos foron “necesarios” para causar a morte da vítima.

A maxistrada afirma que os xurados acolleron que concorre dolo homicida, na súa modalidade de dolo eventual, ao considerar probado que os acusados actuaron “representándose como probable o fatal desenlace da morte de Samuel, asumindo o risco que conlevaba a súa acción e aceptándoo”. Así, indica que “atenderon de forma racional e lóxica ás características das lesións inflixidas a Samuel, as zonas do corpo afectadas e a repetición dos golpes en zonas do corpo- cabeza e rostro- nas que resulta totalmente previsible que resulten afectados órganos vitais”.

Ademais, asegura que a existencia de dolo homicida está reforzada “pola deliberada selección da cabeza como destino das agresións, a existencia dunha pluralidade de agresores sobre unha única vítima, a enorme violencia dos golpes e a forma en que se desenvolveu o ataque grupal, a absoluta indiferenza dos acusados cara á situación de Samuel cando cae inconsciente, ferido xa de morte, sen prestarlle axuda nin solicitala de terceiros, o abandono polos acusados do lugar, dispersándose tranquilamente polas rúas adxacentes e o reagrupamento posterior do grupo no parque Europa e no parque de San Diego”. En canto á aleivosía, sinala que se fundamenta en que a vítima, agredida de forma sorpresiva por un grupo, careceu de posibilidade algunha de defensa, pois o falecido, que carecía de feridas defensivas, “foi agredido e acometido de maneira incesante ata que caeu ao chan inconsciente”. 

En concepto de responsabilidade civil, Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C. deberán indemnizar conxunta e solidariamente, coa responsabilidade civil subsidiaria de Alejandro M.R. nunha porcentaxe do 30 %, aos pais e á irmá da vítima cun total de 303.284 euros. A maxistrada presidenta tamén ordenou manter a situación de prisión provisional, comunicada e sen fianza, de Diego M.M., Alejandro F.G. e Kaio A.S.C. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS