miércoles, enero 8, 2025
InicioNewsPropoñen recoñecer oficialmente a Castelao como primeiro presidente de Galicia

Propoñen recoñecer oficialmente a Castelao como primeiro presidente de Galicia

O BNG arrancou a celebración do Ano Castelao en Pontevedra cun acto de homenaxe con motivo do 75 aniversario do seu pasamento no que a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento unha iniciativa para que Castelao sexa declarado de xeito “oficial e legal” o primeiro presidente de Galicia, «rememorando que foi este rianxeiro universal quen desde o exilio deseñou e presidiu o Consello de Galicia hai oitenta anos, un goberno para o País con el á fronte en plena ditadura».

“Castelao inspira e preside ese goberno no exilio e convértese no noso primeiro presidente, un feito que merece ser recoñecido coa relevancia que ten. Por iso neste inicio do Ano Castelao quero anunciar que imos levar unha iniciativa ao Parlamento para que se recoñeza de maneira oficial e legal a Castelao como primeiro presidente de Galiza”, anunciou a líder do BNG, Ana Pontón, quen indicou que “trátase de rescatar a nosa memoria democrática, facer xustiza e recoñecer que o primeiro presidente deste País, por dereito propio, foi Alfonso Daniel Rodríguez Castelao desde o exilio”.

Pontón destacou que oito décadas despois, “o Consello de Galicia preséntasenos como unha aposta ambiciosa e admirábel, a dignidade dun pobo que loita pola liberdade cando un golpe militar provocara unha durísima represión e impuxera unha ditadura que se ía prolongar por corenta anos”. Ese recoñecemento a Castelao supón «saldar unha débeda histórica e debe ser estudado nos centros de ensino do País, porque as novas xeracións de galegos e galegas teñen que coñecer o inmenso labor de quen traballou e soñou polo futuro de Galicia cos pés na terra”, alegou na súa intervención.

Setenta e cinco anos despois da súa morte, o BNG recolle as palabras da súa compañeira de vida, Virxinia Pereira, para insistir en que todo o que facía Castelao, desde a súa obra artística até as súas investigacións, foi «esencialmente política» e son o legado extraordinario dun nacionalista que quería «trocar as ideas en feitos». Neste sentido,  o Bloque celebrará esta efeméride cunha «profusa programación de actos por todo o País baixo o lema Castelao nacionalista, para subliñar a verdadeira dimensión dunha figura imprescindíbel da nosa historia, un referente de honestidade e confianza en Galiza e un defensor dos nosos dereitos como pobo”.

Os nacionalistas indican que «o recoñecemento oficial e legal como primeiro presidente de Galicia saldará unha débeda histórica dunha figura honesta, leal e dunha dimensión histórica única, que nos achegou non só unha obra inmensa presidida polo amor a Galicia, senón unha traxectoria vital de defensa férrea dos dereitos da nosa terra, da nosa lingua e a nosa cultura mais tamén do noso dereito a producir e a construír un futuro mellor”, explicou.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS