miércoles, enero 8, 2025
InicioNewsO PaísInstan ao Congreso a declarar o Campo de Aragón en Ourense como...

Instan ao Congreso a declarar o Campo de Aragón en Ourense como lugar de memoria democrática

A deputada no Congreso do PSdeG-PSOE de Ourense, Marga Martín Rodríguez, vén de rexistrar unha proposición non de lei para o seu debate na comisión constitucional na que insta ao Congreso dos Deputados a declarar como lugar de Memoria Democrática o Campo de Aragón na cidade de Ourense.

A representante socialista por Ourense no Congreso dos Deputados tamén pide nesta proposición non de lei que se coloque unha placa nos edificios do complexo cultural de San Francisco no que se “lembre ás persoas que foron detidas ilegalmente, maltratadas e torturadas durante a ditadura franquista”. O obxectivo segundo apunta a deputada ourensá “é que se denuncie os feitos tan graves acontecidos durante a Guerra Civil e a ditadura e que se recoñeza a esas persoas na súa decisiva loita pola liberade e a democracia en Ourense, Galicia e España”.

A PNL rexistrada por Marga Martín Rodríguez vén motivada polo artigo 49 da Lei de Memoria Democrática, que tal e como explica a deputada socialista “establece que un lugar de Memoria Democrática é aquel espazo, inmoble, paraxe ou patrimonio cultural, inmaterial ou intanxible no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva, vinculados á memoria democrática, a loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como a represión e violencia contra a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra Civil, a ditadura e a loita pola recuperación dos valores democráticos”.

“O Campo de Aragón en Ourense é un deses lugares aos que se refire a Lei de Memoria Democrática”, expón Martín Rodríguez, que tamén apunta que “neste lugar foron fusiladas máis dun centenar de persoas”. Segundo o proxecto de investigación “Nomes e Voces” foron fusiladas por orde da autoridade militar 119 persoas, 8 delas mulleres. Segundo os traballos do historiador, Julio Prada, as persoas fusiladas foron 133, cifra tristemente superior a outros lugares similares en Galicia.

A representante do PSdeG-PSOE no Congreso dos Deputados esgrime que esta PNL busca “destacar os principios de xustiza, reparación, verdade e que os feitos acontecidos non se volvan repetir”. Marga Martín lembra tamén que en maio de 2018 a corporación municipal do Concello de Ourense acordou denominar como Praza da II República ao Campo de Aragón, “como homenaxe a tódalas vítimas que aló perderon a vida, aínda que a día de hoxe o acordo plenario segue sen levarse a práctica”. Por último, sinala que “é hora de recoñecer a eses cidadáns e cidadás que deron a vida polo seu compromiso cos ideais democráticos”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS