A Xunta de Galicia activa para hoxe, martes 7 de xaneiro, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña e para o mércores na de Pontevedra. Do mesmo xeito, todo o interior galego entrará mañá, mércores, en alerta amarela por fortes choivas e vento.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde martes ao mediodía no noroeste da Coruña pasando a nivel laranxa toda a costa coruñesa e tamén á de Pontevedra o mércores, 8 de xaneiro, por mar combinada de oeste a suroeste con ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza 8.
A maiores, o interior de Galicia permanecerá durante a madrugada do 8 de xaneiro en alerta amarela por fortes choivas e ventos con refachos de 70-80 quilómetros hora.
A Xunta lembra «a importancia de manterse afastado da liña de costa, diques, rompentes e paseos marítimos». Tamén alerta de que «se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións».
Aconséllase consultar a páxina web da AEMET para máis información.