Un xove foi detido en Mos a pasada noite de Reis tras agredir á súa nai proporcionándolle sucesivos golpes e queimándoa con ácido. Os feitos aconteceron na casa familiar na parroquia de Tameiga, arredor das dez da noite. A muller presenta feridas graves na cara.
A Garda Civil recibiu un aviso conforme se estaba a producir unha agresión. Neses intres, os axentes presentáronse no lugar e accederon ao interior da vivenda. Alí, atoparon á muller, de setenta anos, tumbada na bañeira con graves queimaduras na cara, rociada con ácido tras ser golpeada brutalmente e cun corte nun ollo, realizado supostamente cunha cuchilla.
O presunto agresor, e fillo da mesma, atopábase encerrado no baño e tratou de fuxir pola xanela. Os axentes detiveron ao mozo tras saltar pola ventá. O rapaz, de 28 anos de idade e que sofre unha enfermidade mental pola que precisa medicación, foi ingresado na unidade de psiquiatría do hospital Álvaro Cunqueiro, á espera de ser posto a disposición xudicial.
Pola súa banda, a muller permanece ingresada na UCI do Álvaro Cunqueiro recuperándose e pendente de ser trasladada, cando a súa saúde o permita, á unidade de queimados.