O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma ás Rías Baixas como a “provincia do deporte” na presentación do percorrido da segunda etapa do Gran Camiño, que se celebrará o vindeiro 27 de febreiro cun percorrido entre os concellos de Marín e A Estrada. A cuarta edición desta carreira ciclista, unha referencia no calendario internacional e un acontecemento deportivo de impacto global, volverá traer á provincia de Pontevedra «aos mellores ciclistas do mundo, dará a coñecer a riqueza natural e paisaxística do territorio e afondará na consolidación dun modelo turístico sustentable e desestacionalizado ligado ao deporte», segundo indican desde o ente provincial.
“Despedimos o ano 2024 anunciando un acontecemento de impacto mundial: o regreso do pelotón de La Vuelta a España á nosa terra, cunha etapa entre Poio e Mos; e damos a benvida ao 2025, con outra nova de gran relevancia: O Gran Camiño volverá traer á nosa provincia ao mellor do ciclismo mundial. É dicir, no 2025, Pontevedra seguirá sendo a provincia do ciclismo, a provincia do deporte”, afirmou o presidente nun acto no que tamén participaron a deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; e o director da carreira, Ezequiel Mosquera.
Despois do espectáculo ofrecido o ano pasado coa celebración da etapa definitiva entre Ponteareas e o alto do Monte Aloia en Tui, o pelotón volve atravesar a provincia cunha etapa de media montaña con saída desde Marín e meta na Estrada, que pasará por municipios como Pontevedra, Barro, Caldas ou Cuntis; e que contará con ascenso a portos de segunda e terceira categoría que conforman unha etapa que evocará ao espírito das clásicas. As novidades desta cuarta edición do Gran Camiño, que se celebrará entre o 26 de febreiro e o 2 de marzo, pasan pola incorporación dunha quinta etapa e cun comezo de carreira novidoso no país veciño de Portugal cun percorrido entre Maia e Matosinhos.
O presidente provincial indicou que «o deporte é un área estratéxica para a Deputación de Pontevedra, que incrementou un 15 % no Orzamento deste ano a partida destinada a deportes para situala en 6,4 M€» e que se trata «dunha aposta que se complementa co crecente apoio a deportistas, clubs e federacións, coa mellora das instalacións municipaos a través do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que este ano dobra os seus recursos ata os 8M€; ou a máxima colaboración con eventos deportivos de impacto global como o Gran Camiño ou a través da liña de subvencións para organizar competicións deportivas de interese turístico».