martes, enero 7, 2025
InicioNewsConcellos +Salceda aproba o seu III Plan de Igualdade 

Salceda aproba o seu III Plan de Igualdade 

O Concello de Salceda de Caselas vén de aprobar o III Plan de Igualdade entre Mulleres  e Homes de Salceda de Caselas 2024-2028, que permitirá avanzar no desenvolvemento  de políticas municipais cara un modelo de sociedade igualitario e libre de violencia de  xénero. O Plan consolidará a igualdade en Salceda como elemento estrutural da xestión e  como un instrumento do goberno municipal para orientar todas as políticas. 

O Plan, que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas, recolle a axenda  política en materia de igualdade para os vindeiros 4 anos. A elaboración do documento foi  capitaneada pola Concelleira de Igualdade, Selene González, en colaboración con  entidades sociais, culturais, deportivas e educativas de Salceda a través de grupos de  traballo. 

Loli Castiñeira, Alcaldesa, de Salceda: “Ninguén dubida do compromiso do goberno de  Salceda coa igualdade, demostrado con feitos e diferentes programas ao longo de todo o  ano, e do cal é boa mostra a aprobación deste III Plan de Igualdade”. 

Ademais, este é o primeiro Plan que se baseou nun diagnóstico elaborado en base ás  respostas da cidadanía a un cuestionario anónimo e que permitiu identificar os principais  eixos de intervención, naqueles ámbitos que son de competencia local así como nos  obxectivos estratéxicos. 

O Concello quixo destacar que o documento aprobado é froito dun arduo proceso de  elaboración con catro fases de traballo e varias liñas de acción. As accións están  ordenadas en 10 eixos: Xestión Municipal con Enfoque de Xénero; Economía e Emprego;  Conciliación, Corresponsabilidade, Tempos e Coidados; Empoderamento e Participación  Social; Saúde, deporte, benestar e calidade de vida; Espazo urbano, vivenda e seguridade;  Formación, Cultura e educación para a igualdade; Salceda en marcha contra a violencia  de xénero; Igualdade no Medio Rural; Mocidade. 

Selene González, Concelleira de Igualdade: “Este novo plan será a folla de ruta das accións  en materia de igualdade no noso Concello. Máis de 120 medidas que se executarán en  todos as áreas do goberno e axudarán a que Salceda sexa máis igualitaria e feminista”. 

Tamén é moi salientable a implicación de todas as áreas do Concello así como a detección  e visibilidade das necesidades e capacidades das mulleres de Salceda, activando  mecanismos que removan obstáculos para rematar coas discriminacións por razón de  sexo. 

É un Plan feminista deseñado baixo os principios e mecanismos artellados polos  organismos internacionais para favorecer a participación, reforzar a transversalidade e  modernizar a gobernanza, adaptándoa a unha nova sociedade valente que quere desterrar  a violencia e as discriminacións e que cree en accións positivas e contundentes.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS