lunes, enero 6, 2025
InicioNewsOs bombeiros do Porriño e de Ponteareas, nun proxecto piloto con drons...

Os bombeiros do Porriño e de Ponteareas, nun proxecto piloto con drons de retransmisión en tempo real

A Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), avanza na súa aposta pola innovación tecnolóxica no ámbito das emerxencias coa posta en marcha dun proxecto piloto para testar un sistema avanzado de retransmisión e tratamento de vídeo en tempo real. Este novo proxecto combina a incorporación dun dron cautivo, a instalación de sensores en vehículos e o uso dunha plataforma centralizada para a supervisión e xestión das imaxes capturadas.

A proba, que busca mellorar a coordinación e a capacidade de resposta en situacións de emerxencia, inclúe un dron cautivo equipado con cámaras de alta resolución e con alta resistencia á meteoroloxía adversa. Está conectado a unha plataforma de suxeición que lle permite operar de xeito ininterrompido a máis de cen metros de distancia, e que é compatible co resto de drons cos que conta a Axega.

Ao mesmo tempo, instálanse sensores e sistemas de retransmisión en catro vehículos de primeira intervención dos parques de Bombeiros do Porriño, da mancomunidade de Celanova e de Valença do Minho, así como do GES de Ponteareas. Así, dúas cámaras exteriores equiparán cada un dos camións e disponse o equipamento interno necesario para a transmisión de vídeo en alta resolución, o que permitirá observar o entorno durante as intervencións e facilitará a toma de decisións.

As imaxes captadas son visualizadas a través dunha plataforma centralizada, deseñada para procesar, gravar en tempo real e almacenar contido multimedia durante períodos prolongados de tempo. Esta ferramenta, que posibilita a xestión remota das cámaras, é compatible cos sistemas empregados actualmente pola Axega, garantindo unha integración eficiente e a súa adaptación a evolucións tecnolóxicas futuras. 

Avaliación da viabilidade e das aplicacións

Cómpre destacar que esta iniciativa é exclusivamente unha fase de proba, destinada a avaliar a viabilidade e as posibles aplicacións deste sistema no ámbito da emerxencia. A adopción desta tecnoloxía por parte da Xunta responde ás necesidades de vixilancia, detección temperá de incidencias e avaliación de situacións de risco, o que garante unha mellor coordinación e eficiencia na protección civil. Deste xeito, confírmase o compromiso do executivo autonómico e da Axega coa innovación e a seguridade da cidadanía ante os retos do futuro. 

Esta iniciativa de innovación forma parte do proxecto de Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias no marco do POCTEP 2021-2027 (ATEMPO) e está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Interreg España-Portugal.


مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS