O CEIP Plurilingüe de Leirado, en Salvaterra de Miño, vén de ser galardoado no X Concurso de Traballos por Proxectos convocado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
O obxectivo do certame é estimular o deseño e desenvolvemento de traballos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación desde a biblioteca escolar.
O centro educativo de Leirado presentouse á modalidade de proxectos que combinan diversas materias coordinados desde a biblioteca escolar e que deben contar coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula do centro.
A temática dos traballos era aberta, e o proxecto presentado polo CEIP Plurilingüe de Leirado foi “Multicines Leirado: aprendizaxe, cámara, acción!”. O premio, que consta dunha cuantía económica de 2.000€ será empregado para gastos relacionados co traballo presentado.
Dende a comunidade educativa aseguran que «este premio supón o recoñecemento de que o deseño deste proxecto e os que se están a desenvolver no centro coloca ao seu alumnado no camiño axeitado para acadar a mellor competencia lectora e para acadar competencias que son clave na sociedade da información».
Ademais, aseguran que este premio «non tería sido posible sen a colaboración do equipo da biblioteca, o equipo docente, o persoal non docente, o alumnado, as familias, a ANPA, así como das institucións que participaron no desenvolvemento do proxecto».